FACENDA E MOCIDADE

O domingo remata o prazo para votar os orzamentos participativos de Mocidade

03/11/2016 Este domingo, 6 de novembro, péchase o prazo para votar os orzamentos participativos Compostela Decide de Mocidade. Tras a exitosa experiencia do ano pasado, o Goberno de Santiago, dentro dos orzamentos participativos para este ano, pon a disposición 100.000 euros para as actividades que máis apoios reciban. Como no caso das propostas de investimentos, para que o voto sexa válido, hai que priorizar 10 ideas de actividades na web de Compostela Decide.

Os OP de Mocidade teñen unha particularidade: só as persoas que teñan entre 16 e 35 anos poden escoller propostas (unha decisión do grupo motor que recolle o Regulamento dos OP), tanto se están censadas en Santiago de Compostela como se estudan aquí durante este curso. Neste caso, a persoa estudante terá que achegar o resgardo da súa matrícula a través do correo decide@santiagodecompostela.gal.

En total foron aceptadas 49 ideas de actividades. Son varias as asociacións que repiten as propostas que durante este ano se desenvolveron ou se están a desenvolver, froito dos OP do ano pasado. É o caso de Itaca, que propón a segunda edición do programa Boas Noites, unha alternativa lúdica e construtiva ao lecer de consumo para as noites dos venres e sábados, e que precisamente está a desenvolver a súa primeira edición este mes. Tamén o colectivo Barriopía rexistrou para os OP deste ano a segunda edición do festival The Bloque en Bloque, que levou artes escénicas e concertos aos patios e xardíns das Fontiñas. A asociación cultural Máis Lume fixo o mesmo co Compostela Dub, un encontro pioneiro en Galicia entre as culturas xamaicanas, africanas e galega.

Festivais e lecer alternativo
As propostas de festivais musicais e interculturais continúan co Festival Cultura sen Glute, que quere achegar a mocidade á rede de centros socioculturais con actividades artísticas en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia, ou o Festival Pétalo, dirixido á mocidade LGTBIQ, pasando por un festival de bandas novas nas Cancelas, que pretende descentralizar a actividade cultural, ou un encontro de músicas do mundo. Tamén hai unha proposta para celebrar o Día do Medio Ambiente en coordinación coa Asociación Galega de Apicultura.

Son numerosas as ideas de actividades relativas ao lecer alternativo, dende as Xornadas lúdicas de ocio alternativo para desenvolver aptitudes mentais e sociais, ata unha ludoteca xuvenil, pasando por un circuíto de "lecer e deporte inclusivo" para mozos e mozas con diversidade funcional, un xogo de rol en vivo, un club de xogos de mesa, estratexia e rol ou un campamento xuvenil urbano.

Inclusión, divulgación e formación
A inclusión e a integración de persoas con diversidade funcional é o eixo ao redor do cal xiran actividades rexistradas baixo os lemas Deporte para a integración, Unha mirada ao deporte adaptado, Programa de inclusión profesional e Cego por un día.

Actividades de divulgación e roteiros históricos e naturais pola cidade centran as propostas Memoria viva, A Compostela das pedras, Gran Xogo de coñecemento histórico pola zona vella, un taller de sensibilización ecolóxica que explica a contaminación dos nosos ríos, unha ruta polas vías verdes, ou un roteiro turístico polos lugares onde houbo rodaxes históricas cunha Rede de voluntarios de rodaxes e loxística audiovisuais.

A formación en diversas materias está tamén presente cun curso de lingua de signos, roteiros fotográficos, unha xornada de formación sobre os países da UE, un programa formativo de igualdade para mulleres con diversidade funcional, círculos de lectura crítica nos medios, ximnasia mental, aulas de educación canina, obradoiros de comunicación nas organizacións sociais, e obradoiros para o desenvolvemento de habilidades mentais e de aprendizaxe. Tamén se propón un taller que nos ensine a para pasar dunha idea á acción.

Cultura, deporte e igualdade
Actividades culturais, artísticas e deportivas son as protagonistas das propostas dun taller de improvisación teatral, un laboratorio de creación e land art, Diver(X)ente, un mural solidario cos nenos escravos, clases de iniciación ao skate, un ciclo de cine ao aire libre ou un mes de cultura urbana. Algunhas conxugan arte ou deporte co fomento da igualdade e da autoestima feminina, como o caso da danza do ventre, a proposta dun taller que visualice o traballo das graffiteiras (Elas tamén pintan), as aulas de autodefensa para mulleres ou a exposición itinerante Tamén é machismo.

Por último, a proposta Espazos Resistencia._Humanización de Espazos en Edificios de Uso Colectivo propón a relectura de espazos que conforman edificios onde se desenvolven actividades colectivas.

Como ocorreu coas ideas de investimentos, as ideas de actividades que pasaron o filtro técnico foron ponderadas por unha Mesa de propostas, conformada polos mozos e mozas que quixeron formar parte dela, segundo os criterios establecidos no Regulamento (poñer en valor a solidariedade, a inclusión e contribuír a un concello socialmente equilibrado e sostible). Os valores de ponderación dunha proposta incrementarán a cifra de puntos asignados na votación, aplicándolle un incremento porcentual sobre os puntos recibidos.

Compartir: