ESPAZOS CIDADÁNS

Mañá abre ao tráfico o último tramo de Xeneral Pardiñas

03/11/2016 O último tramo da rúa Xeneral Pardiñas (entre República do Salvador e Senra) abrirá este venres ao longo da mañá ao tráfico rodado, unha vez rematadas as obras na intersección de Xeneral Pardiñas e Montero Ríos.

Este é precisamente un dos cambios máis salientables que sufrirá a rúa. Este cruce eleva a súa cota para marcar con claridade que os peóns teñen prioridade sobre os vehículos. O tratamento deste punto da rúa dálle unha estética próxima á dunha praza, e alonxada dun simple cruce, colocando pavimento de pedra en vez de asfalto. Niso xogarán un importante papel o arborado e o mobiliario urbano, que será renovado ao longo de toda a rúa, con novos bancos, papeleiras e luminarias. Tamén está prevista a instalación dunha illa de colectores soterrados.

Este tramo que mañá volve abrise ao tráfico pechárase no verán con motivo da quinta fase das obras de humanización de Montero Ríos. Dita rúa continuará pechada ao tráfico, de tal xeito que os vehículos que circulen por Xeneral Pardiñas deberán continuar cara a rúa da Senra e non poderán xirar cara á Montero Ríos.

Humanización de Montero Ríos
O proxecto de humanización de Montero Ríos ten como obxectivo gañar espazo para os peóns e reducir o tráfico na zona. Para iso, ampliaranse notablemente as beirarrúas. Na actualidade, o seu ancho oscila entre os 1,80 metros no tramo máis próximo a Rosalía de Castro e os 2,60 metros. Despois das obras, non baixarán dos 3 metros, as dimensións que se consideran mínimas para os peóns. A calzada será de 3,20 metros.

Ademais, a presenza dos vehículos reducirase ás zonas de carga e descarga, que estarán á mesma altura que a beirarrúa. Haberá un total de cinco zonas ao longo da rúa, que equivalen a unhas 26 prazas. Fóra do horario de carga e descarga, esas áreas recupéranse para os peóns, conseguindo beirarrúas de ata seis metros, aínda que poderán ser utilizados como lugar de parada para calquera vehículo, por períodos de tempo que non superen os cinco minutos.

Tamén se crean dous espazos para o aparcamento de bicicletas (con 12 prazas no cruce con Xeneral Pardiñas e 16 no cruce con Rapa da Folla) e tres áreas para o aparcamento de motos, cun total de doce prazas. Desaparecen as prazas de aparcamento reguladas polo sistema da ORA (42), e mantense a ubicación e as dimensións da parada de taxis, no tramo máis próximo a Doutor Teixeiro.

O proxecto de humanización de Montero Ríos, adxudicado á empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L., conta cun orzamento de 1.220.820,79 euros (IVE incluído).

Compartir: