FACENDA E ESPAZOS CIDADÁNS

María Rozas e Jorge Duarte asisten ao Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas

03/11/2016 A concelleira de Facenda, María Rozas, e o edil de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, asisten hoxe e mañá en Madrid ao VI Pleno da Rede de Iniciativas Urbanas. Trátase do foro no que os Ministerios de Facenda e Administracións Públicas e Fomento deben aclarar os pasos a seguir por parte dos Concellos seleccionados para recibiren fondos europeos no marco da convocatoria EDUSI. Santiago percibirá dez millóns de euros.

A primeira xornada do Pleno, celebrada hoxe, serviu para analizar as oportunidades que se lle abren aos concellos elixidos para desenvolveren as súas Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado e para repasar o que deron de si convocatorias semellantes, como a que lle permitiu a Compostela poñer en marcha o programa Urbana Santiago Norte.

Os detalles concretos sobre os pasos a seguir para desenvolver a EDUSI non se abordarán ata a xornada de mañá, se ben hoxe xa se adiantou que os concellos seleccionados na primeira convocatoria aínda non poden iniciar as licitacións dos proxectos que queiran financiar con cargo a fondos europeos, porque o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas aínda está a resolver as alegacións presentadas á súa resolución.

Tamén se clarexou que durante a tramitación da convocatoria decidiuse mudar as escalas das axudas, de xeito que as cidades de entre 50.000 e 100.000 habitantes non poderían optar a máis de dez millóns de euros, e non aos 15 millóns previstos inicialmente. Deste xeito, Compostela logrou a cantidade máxima á que podía aspirar.

Compartir: