ALCALDÍA

Martiño Noriega intervirá en Madrid no Encontro de Cidades pola Auga Pública

03/11/2016 O alcalde de Santiago participará mañá en Madrid no Encontro de Cidades pola Auga Pública, que organizan conxuntamente o Concello de Madrid e a Rede Auga Pública, RAP, integrada por ducias de plataformas e organizacións sociais, ambientais, sindicais e políticas de todo o Estado.

O obxectivo destas xornadas, que xa arrancaron hoxe, é servir de espazo de intercambio de experiencias e iniciativas e estudar as posibilidades reais e os obstáculos para a xestión pública do ciclo urbano da auga. Para iso, no encontro participan expertos estatais e internacionais, representantes de administracións locais e supramunicipais, operadores públicos e movementos sociais defensores da xestión pública da auga.

Martiño Noriega intervirá nunha mesa redonda na que tamén estarán presentes os rexedores de Madrid, Manuela Carmena; Barcelona, Ada Colau; Valencia, Joan Ribó; Zaragoza, Pedro Santisteve; Córdoba, María Isabel Ambrosio; Valladolid, Óscar Puente; A Coruña, Xulio Ferreiro; Terrassa, Jordi Ballart; e Arganda del Rey, Guillermo Hita. Como moderadora exercerá a delegada de Medio Ambiente e Mobilidade do Concello de Madrid, Inés Sabanés.

Está previsto que ao remate da mesa redonda, os alcaldes e alcaldesas participantes lle dean lectura a unha declaración institucional en apoio dos procesos de remunicipalización da xestión da auga e da creación dunha Rede de Cidades pola Auga Pública que permita poñer en común os problemas existentes nestes procesos e as súas solucións e organice actividades de interese común.

Compartir: