TURISMO

Santiago participa nun encontro internacional de cidades sobre a xestión do turismo urbano

03/11/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, participa este xoves 3 e venres 4 de novembro no I Encontro de cidades sobre "Gobernanza do Turismo Urbano: Aluguer vacacional". Mañá formará, a partir das 11:15 horas, formará parte dunha mesa redonda, con cidades como Barcelona ou Amsterdam, na que se reflexionará sobre o impacto do turismo no territorio.

Na cita estarán as cidades de Berlín, París, Lisboa, Amsterdam, Viena, Roma, Estocolmo, Reykjavik, Madrid, Mallorca, Menorca, Palma, Valencia, Sevilla, Bilbao e Santiago de Compostela. Tamén participarán as entidades locais de turismo de Barcelona, entidades públicas e privadas do sector, membros da Concellaría de Turismo da cidade e a Generalitat catalá.

As persoas participantes reflexionarán sobre a xestión e as políticas turísticas de cada un dos núcleos urbanos e haberá un foro de debate entre as cidades do Estado convidadas e as capitais europeas, compartindo así sinerxias entre todas. Un dos obxectivos pasa por definir unha estratexia conxunta sobre o fenómeno do alugueiro de vivenda vacacional.

As entidades participantes compartirán coa cidadanía en xeral e con varios entes do sector as liñas a seguir na coordinación dos municipios que teñen realidades turísticas semellantes. As cidades participantes, intrinsecamente turísticas, son destinos moi concorridos polos seus atributos sociais, económicos e culturais, o que xera retos vinculados a garantir a calidade de vida das persoas residentes minimizando o impacto vinculado ao exceso de masificación.

Este Encontro Internacional de cidades sobre a xestión do turismo urbano busca repensar a gobernanza das políticas públicas locais en materia de turismo como un exercicio responsable de planificación urbana do futuro dos nosos territorios.

Compartir: