ALCALDÍA

A mesa de diálogo co sector da hostalería avanza cara un marco interpretativo da lei máis estable

02/11/2016 O alcalde, Martiño Noriega, presidiu hoxe a segunda reunión da mesa de diálogo co sector da hostalería, convocada a petición dos representantes dos hostaleiros. Na xuntanza analizouse unha proposta do Goberno sobre os criterios de actuación en materia de establecementos de espectáculos públicos e actividades de lecer. Da mesa de diálogo tamén forman parte os concelleiros de Espazos Cidadáns e Convivencia, Jorge Duarte e Xan Duro; así como representantes de PP, PSOE e BNG, e membros das asociacións Hostalería Compostela, Vicus Francorum, Cidade Vella, Tempo con Xeito e a Asociación de Bares e Pubs de Compostela.

O alcalde explicou que a reunión de hoxe foi "o primeiro paso para acadar un consenso", e adiantou que haberá unha nova xuntanza o próximo 30 de novembro. Martiño Noriega recoñeceu que "para o Goberno é prioritario garantir a seguridade xurídica dos acordos que se adopten, aínda que o sector poida percibir certa lentitude na tramitación das propostas". Nesa liña, o voceiro dos hostaleiros, Ramón García Seara, sinalou que "o sector está satisfeito porque isto se move, porque hai vontade de elaborar un marco xurídico estable, aínda que quedan cousas por falar". Ademais, valorou algúns aspectos da proposta achegada hoxe polo Goberno, sobre todo no que ten que ver coas ordes de peche, "porque agora poderíaselle dar ás persoas afectadas un prazo de cinco días para explicárense e adoptar medidas correctoras, no canto de ter que enfrontarse a peches en 24 horas".

De cara á reunión do próximo 30 de novembro, tratarase de concretar os criterios relacionados cos aforos dos locais "conciliando a proposta dos hostaleiros coa que está elaborando o Goberno local", as zonas saturadas e as terrazas.

Proposta do Goberno
A proposta que o Goberno levou á reunión de hoxe tiña como obxectivo mellorar a racionalización e a axilidade dos procedementos administrativos e a seguridade xurídica das empresa do sector.

No que ten que ver coa medida cautelar de peche, o documento elaborado polo Executivo municipal propón adoptala tras a audiencia da persoa interesada durante un prazo de cinco días hábiles, prazo no que se poderán presentar as alegacións que se consideren oportunas e tamén subsanar ou corrixir as deficiencias detectadas. Deste xeito, evitaríanse as ordes de peche inmediato no prazo máximo de 24 horas que se veñen rexistrando. En todo caso, fóra da proposta do Goberno quedarían os establecementos sen licenza ou nos que concorran motivos de urxencia ou gravidade que razoablemente implican a necesidade de adoptar unha medida cautelar.

A proposta do Goberno tamén avoga por priorizar os expedientes de reposición da legalidade urbanística sobre os expedientes de carácter sancionador, de xeito que se lle dará prioridade á legalización das actividades fronte ás sancións. Así, só se tramitarán procedementos sancionadores cando a irregularidade detectada non poida ser resolta (por exemplo en materia de aforo, ao constituír unha infracción de risco; ou cando o titular do establecemento incorra en reiteración na conduta ilegal a pesares da advertencia que se lle fixera nese sentido, ou non restaure a legalidade alterada no expediente que se lle tramitou para ese efecto).

Por último, no que ten que ver coa tipificación das infraccións, proponse que se gradúe proporcionalmente a sanción cando esteamos diante de situacións nas que se produzan circunstancias como a reiteración, a neglixencia, a transcendencia social ou o risco para terceiros. No caso das infraccións graves, ao non ser obrigatorio acumular a multa coa sanción de peche, como regra xeral, non se aplicarán simultaneamente as dúas, senón só a de multa. Cando se estea a tramitar unha autorización de vía pública para a ocupación de terrazas, non se iniciará expediente administrativo sancionador ata que se resolva a autorización solicitada, e só no caso de denegación desta.

Compartir: