LINGUA

Convocada a XVII edición do Premio Manuel Beiras

02/11/2016 O alcalde presentou hoxe unha nova edición, a XVII, do Premio Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no sector empresarial. Foi nunha rolda de prensa na que Martiño Noriega estivo acompañado por Evaristo Rodríguez Carracedo, o vicepresidente da Cámara de Comercio, entidade que colabora na convocatoria xunto co Concello.

O alcalde incidiu en que o obxectivo deste Premio é "salientar o esforzo das empresas na normalización lingüística e promover que o galego sexa utilizado no sector económico coa mesma normalidade que noutros ámbitos. Ao tempo, o certame é tamén unha maneira de lembrar a figura de Manuel Beiras, un histórico comerciante compostelán, destacado loitador en prol da nosa lingua e a nosa cultura.

Pola súa banda, o vicepresidente da Cámara de Comercio lembrou que "o galego tamén vende, e hai que desterrar a idea contraria", e recoñeceu certa frustración porque "a estas alturas siga sendo necesario convocar uns premios coma estes, que non teñen máis obxectivo que poñer en valor o que nos é propio".

Campaña de difusión
O alcalde explicou que este ano o Concello marcouse o obxectivo de "relanzar o Premio Manuel Beiras, darlle maior visibilidade e conseguir que a súa imaxe sexa recoñecible na cidade". Para iso, vaise poñer en marcha unha campaña de divulgación, con mupis, carteis e vídeos para a difusión en redes, que tratará de crear intriga ao redor do certame. Así, haberá unha primeira quenda de imaxes co lema "Que é o que importa", coa figura de Manuel Beiras, e unha segunda na que se incluirá o lema "Ti ben sabes o que importa", en referencia ao pseudónimo "Eu ben sei", que utilizaba Manuel Beiras nos seus artigos e publicacións.

Bases
O Premio convócase en dúas categorías: "Empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega" e "Empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego". Tamén se poderá outorgar unha distinción especial ás persoas ou entidades que se destacaran pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.

Ao galardón poden optar as empresas radicadas no Concello de Santiago, porque teñan a súa sede social no municipio ou porque realicen unha importante actividade nel. Poden presentarse directamente, ou seren propostas por calquera persoa ou entidade.

No xurado estarán representados o Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Santiago, o Colexio Oficial de Xornalistas e representantes dunha asociación en defensa da lingua, dunha asociación de consumidores e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior. A presidencia do xurado altérnase entre o Concello e a Cámara de Comercio, e neste 2016 recae no Concello.

A entrega dos galardóns está previsto que se celebre o 14 de decembro no Pazo de Raxoi. O Premio Manuel Beiras non ten unha dotación económica e os seus gañadores reciben unha escultura elaborada por Acisclo Manzano.

Direccións relacionadas



Compartir: