POLÍTICAS SOCIAIS

O senfogarismo precisa de coordinación entre entidades e corresponsabilidade entre as administracións

27/10/2016 Estas son as principais conclusións que se acadaron hoxe no auditorio da Facultade de Filosofía durante a celebración da I Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, promovida dende a Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde.

Abriu a xornada a súa responsable, Concha Fernández, que asegurou que "é no terreo da pobreza e a intervención social onde temos o noso principal desafío, para que ninguén quede fóra de xogo, e para iso precisamos coordinación e trazabilidade", en alusión ao traballo que se realiza dende hai un ano a través da Mesa integrada por todas as entidades sociais que traballan co senfogarismo en Compostela. A concelleira agradeceu o labor destas entidades e explicou que a xornada pretende "mobilizar conciencias e xerar aprendizaxes".

Pola súa parte, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, recalcou que "para o noso Goberno este é un tema non xa de dignidade persoal, senón de dignidade colectiva coma cidade, a nosa prioridade é poñer ás persoas no centro da política, e non se trata só do acceso a unha vivenda, senón de combater a estigmatización, porque a realidade demostra que calquera pode chegar a verse nesta situación".

Ante as preguntas do activista Lagarder Danciu, presente na sala, Concha Fernández explicou que unha das reivindicacións do Concello é dotar a Santiago dun centro 24 horas de atención integral, cuxa posta en marcha excede as competencias municipais e para o que é necesario tamén unha implicación activa da Xunta de Galicia.

José Manuel Caballol, da Fundación RAIS, presentou a experiencia Housing First do programa Hábitat, un modelo innovador que facilita vivendas unipersoais con carácter permanente e sen requisitos ás personas sen fogar que se atopan en peor situación (3 anos vivindo na rúa e algunha discapacidade ou adicción), seguindo outras experiencias europeas que xa están dando resultados. Este ano puxeron en marcha 38 vivendas en Málaga, Barcelona e Madrid baixo os principios deste modelo. Caballol explicou que se trata de vivendas céntricas e dispersas para evitar estigmatización, pisos sen barreiras e con proximidade aos servizos que precisan estas persoas, que poden dispoñer totalmente das vivendas e convidar a vivir con eles a quen desexen. Estas persoas só se comprometen a aceptar unha visita semanal, unha avaliación semestral e a achegar o 30% dos seus ingresos en caso de que os teñan.

A continuación, no diálogo no que participaron diferentes entidades que forman parte da Mesa de Traballo para o estudo da situación das persoas sen teito – transeúntes como a Cociña Económica, Centro Vieiro, o Albergue Xoán XXIII, Cruz Vermella e Feafes, falouse dos pisos de saída que acaba de poñer en marcha o Concello coa colaboración de Feafes para explicar que se trata dun "modelo mixto que pretende optimizar os limitados recursos económicos para darlles a oportunidade de participar ao maior número de persoas posibles, por iso conviven dúas persoas por vivenda e se conceden a casos que están nun punto xa cercano a deixar de vivir na rúa, para darlles ese último empurrón que precisan", en palabras de Antonio Hernández, director de Feafes Galicia.

Na 3ª mesa, Iria Gippini, de Médicos do Mundo – Galicia, revelou que "moitas veces as entidades que fan incidencia política e denuncian carencias son castigadas coa diminución de fondos" e neste sentido indicou que "o Concello de Santiago está apoiando o Informe sobre Vulneración do Dereito á Saúde que desenvolve anualmente Médicos del Mundo".

O perfil das persoas sen fogar
Na última mesa da mañá, fíxose un achegamento á situación das persoas sen fogar dende a perspectiva da saúde mental. A psiquiatra da Xerencia de Xestión Integrada do CHUS, Lucía del Río, advertiu que as mulleres son menos frecuentes na rúa pero están en situacións mais graves porque sofren máis medo, máis agresións sexuais, maternidades non desexadas, abortos e peor saúde mental. No conxunto do Estado, o perfil das persoas sen fogar é o dun home –o 90% son homes fronte a un 10% de mulleres- de 58 anos de esperanza media de vida, e uns 42 anos de media de idade. O 50% teñen fillos e o 44,5% leva máis de tres anos sen aloxamento propio. O 54% son españois, o 50% busca traballo, o 60% ten estudos de educación secundaria e o 12% estudos superiores. O 50% foi vítima dalgún delito ou agresión, o 20% non teñen tarxeta sanitaria e polo menos un 23% teñen algún tipo de discapacidade, un dato que se eleva ao 25% en Galicia e que segundo evidencia un estudo realizado por RAIS Fundación para Fundación ONCE son cifras cinco veces superiores ás rexistradas entre a cidadanía xeral de idade similar.

Xa pola tarde, Antón Bouzas, membro da xunta directiva do CEESG (Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia) presentou a experiencia dos Sereos do casco vello de Vigo e durante a súa exposición convidou á Academia da Lingua a incluír a palabra aporofobia como termo para designar o odio contra a pobreza que provoca delitos de odio e a morte de moitas persoas que durmen nas rúas.

A continuación, o activista Lagarder Danciu denunciou "o negocio da pobreza" e explicou que "coas privatizacións perversas dos servizos asistenciais que fixeron moitos concellos mantéñense as siglas públicas pero son en realidade concesións a empresas privadas que non van solucionar o problema". Según Danciu, "a saída ao problema do senfogarismo pasa por seguir modelos como o de Dinamarca onde se fai acollemento familiar e o estado respalda económicamente a quen integra no seu fogar as persoas que viven na rúa". Danciu instou a replicar o modelo do Campamento Dignidad de Sevila onde os sen fogar conseguiron autoxestionarse e pediu que nas mesas de traballo dos concellos se lles dea voz aos propios sen teito. O activista rumano convidou a participar a Yasser Otero, un mozo compostelán sen fogar desde os cinco anos que pediu "que a xente sen fogar de Santiago se organice, que se empregue algún centro social para autoxestionarse e resolver alí os temas de hixiene, cociña… habería que conformar un mapa da cidade cos puntos marcados das horas de reciclaxe e darlle o que sobre a quen o precisa para que non teñan que collelo do lixo".

Para rematar, dentro da mesa Experiencias en primeira persoa, María Teresa Patiño, presidenta da Asociación Boa Vida de Pontevedra, relatou as problemáticas que afectan aos usuarios do centro e reclamou máis recursos e coordinación seguindo o modelo que está poñendo en marcha Compostela.

A xornada rematou cun Cine Forum no que se proxectou o documental ‘Primero la casa’ realizado polo programa Crónicas, de RTVE.

Compartir: