ALCALDÍA

O alcalde visita a feira profesional do Womex 2016

20/10/2016 O alcalde de Santiago realizou hoxe un percorrido polas instalacións do Womex 2016, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Na visita participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e as concelleiras de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; e de Acción Cultural, Branca Novoneyra.

Martiño Noriega mostrouse convencido do éxito do Womex 2016 "tanto dende o punto de vista da ocupación hoteleira como do impacto e da carga simbólica". Nesta liña, o alcalde lembrou os grandes datos de participación na que é a maior feira das músicas do mundo, con 2.500 persoas chegadas de máis dun cento de países, e 270 stands de 700 empresas. Para Martiño Noriega, o Womex "está convertendo nestes días a Santiago na capital cultural europea".

45 concertos en tres noites
Ademais da feira profesional na Cidade da Cultura, o Womex deixaranos 45 concertos nas noites de hoxe, o venres 21 e o sábado 22. Celebraranse en diferentes espazos da Cidade Vella, como a praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio Abanca e a Sala Capitol para as sesións DJ.

A Womex acoden artistas de todo o mundo cunha carreira xa consolidada no seu lugar de orixe, pero que desexan internacionalizar. Nesta edición participarán artistas como Faada Freddy, NY Gypsy All Stars, Dudu Tassa & The Kuwaitis, Bixiga 70 ou Oligarkh. Os músicos galegos que participarán serán Radio Cos, Xabier Díaz e Narf xunto cos mozambicanos Timbila Muzimba.

Compartir: