EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Concello e Xunta analizan as necesidades dos colexios en materia de obras

19/10/2016 Como noutras ocasións, co inicio do curso escolar, o concelleiro de Educación, Manuel Dios, e o Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana, acompañados de técnicos dos dous servizos, xuntáronse para realizar un seguimento do plan de obras que ao longo dos meses de verán e neste primeiro trimestre se está a desenvolver na rede de centros de ensino infantil e primaria e de secundaria de Santiago.

Continuando con esta vontade de colaboración, analizárose diferentes aspectos que teñen que ver coa mellora dos espazos utilizados para a prestación do servizo de madrugadores e comedores nos dez centros integrados no convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e este Concello para a prestación durante cada curso escolar dos devanditos servizos. Así, seguindo o procedemento habitual establecido pola propia Consellería de Educación, os directores e directoras que teñen manifestado a súa preocupación por repoñer ou dotar de mobiliario básico (mesas, cadeiras e outros elementos), procederán a cursar a correspondente demanda dos mesmos. Centros como o Quiroga Palacios, Monte dos Postes, Apóstolo Santiago e Roxos-Villestro son algúns dos que necesitan desta dotación.

Tamén foi obxecto de análise a necesidade de ampliar o espazo de comedor do CEIP Quiroga Palacios, onde se ten producido un incremento sostido de usuarios e que polo tanto xustifica unha petición como esta. Neste comedor, a media de usuarios diarios é de 150 nenos e nenas. Tamén existe demanda de melloras de acompañamento do persoal coidador para os espazos de comedor dos nenos e nenas con necesidades educativas especiais.

Por outra banda, analizáronse obras necesarias para este novo curso escolar, obras consideradas prioritarias para os CEIPs de Vite, Mestre Rodríguez-Xixirei, López Ferreiro, Apóstolo Santiago ou Raíña Fabiola, entre outros.

Para rematar, acometeuse a previsión máis importante de coordinación de actuacións entre as dúas administracións para a construción dun comedor escolar no CEIP das Fontiñas, para o que se acordou o inicio dos traballos de elaboración do proxecto do mesmo. Nas próximas semanas, técnicos dos dous departamentos aprobarán un calendario de actuacións que permitan finalizar con dita obra para a súa entrada en servizo no vindeiro curso escolar.

O concelleiro de Educación e o xefe territorial expresaron a súa vontade de seguir colaborando de maneira planificada para acometer obras e xestións que conduzan á mellora das condicións nas que se atopa a rede de centros de ensino de Santiago, fixando encontros periódicos.

Compartir: