ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa 2016 celebrarase do 8 ao 27 de novembro

18/10/2016 Este ano Cineuropa, o festival internacional de cine non competitivo de Compostela, cumpre 30 anos. Foi un 24 de outubro de 1987 cando iniciaba, cunha programación de tan só 20 películas, a súa traxectoria como festival, sen imaxinar nin de lonxe o imprescindible que chegaría a converterse para a cidade de Compostela. Hoxe case podemos dicir que non se concibe novembro sen Cineuropa. E neste 2016, ano no que celebramos a 30ª edición, o festival será do 8 ao 27 de novembro.

Para celebrar estas tres décadas de cinema de autor, a Concellaría de Acción Cultural vén de por en marcha a campaña #Cineuropa30 no sitio web oficial cineuropa.gal e nas redes sociais. Durante o mes de outubro estamos lembrando, día a día, todas e cada unha das case 3.000 películas que pasaron polo festival. Comezamos o día 1 publicando os carteis de todas as películas da edición de 1997. O día seguinte foi a lista correspondente a 1998, e así sucesivamente seguimos e seguiremos publicando, un día, un ano, ate completar o mes.

Esta lista organizada de películas fíxose dixitalizando os programas de man de cada edición que afortunadamente se conservan no Teatro Principal e nos arquivos das bibliotecas Ánxel Casal e da Cidade da Cultura. Toda a información contida no programa de cada ano foi tabulada nunha base de datos para ofrecela á cidadanía de maneira aberta, organizada e gratuíta. Unha completa guía de bo cinema, coidadosamente seleccionado e a disposición de todos.

Por suposto hai que incluír tamén os títulos das películas gañadoras e das películas sorpresa que houbo cada ano (títulos que, obviamente, non aparecen nos programas de man). Así houbo que recorrer á hemeroteca da Universidade de Santiago de Compostela para localizar esa información, revisando antigos xornais durante horas.

Dende o Facebook e o Twitter de Cineuropa estase animando a todos os Cineuropafans a celebrar con nós estes 30 anos, convidándolles a compartir lembranzas relacionadas co festival e a comentar cales foron as súas películas favoritas. Tamén está prevista unha acción participativa de vídeo encadeado sobre a que se informará en redes proximamente. A aposta de Cineuropa tanto polo seu sitio web como polas súas redes sociais é total este ano, usando a rede para ampliar a información sobre as películas que se incluirá no programa impreso. Ademais, un canal de Telegram informará puntualmente a todos os espectadores que se subscriban, tanto sobre a axenda do día como sobre os posibles cambios de última hora que poda haber no programa.

Direccións relacionadas



Compartir: