ALCALDÍA E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Santiago acolle a Asemblea Xeral de Redel

18/10/2016 O alcalde participou hoxe na primeira xornada da Asemblea Xeral da Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, REDEL, que se celebra na Cidade da Cultura hoxe e mañá. Martiño Noriega deulles a benvida a Compostela aos participantes no encontro, que van analizar posibilidades de colaboración en materias como o emprendemento social ou cultural. Nesa liña, o rexedor convidounos a coñecer iniciativas de carácter municipal como o espazo autoxestionado do Matadoiro Compostela, e a visitar o Womex, que se celebrará nestes días na capital galega. O alcalde salientou a importancia de Redel, que "representa a unha poboación de quince millóns de persoas, e que segue medrando coa incorporación de novas entidades"

A Asemblea Xeral de REDEL foi inaugurada esta mañá pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e tamén contou coa participación da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández. Na xuntanza aprobouse a incorporación do Concello de Zaragoza a esta rede, que deste xeito está integrada por 16 entidades.

Ademais, o encontro serviu para poñer en común o traballo que REDEL está levando no que ten que ver co emprendemento social, unha área que cada vez cobra máis relevancia e que trata de dar resposta a desafíos sociais, medioambientais e económicos mediante a creación de empresas sostibles económica e medioambientalmente.

Encontro do Grupo de Industrias Culturais e Creativas
No marco da Asemblea Xeral de REDEL, mañá celebrarase o Encontro do Grupo de Industrias Culturais e Creativas, ao que asistirá a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Os seus participantes realizarán unha visita ao Womex, o evento sobre músicas alternativas máis importante do mundo e que se celebra tamén en Santiago.

O Grupo de Industrias Culturais e Creativas púxose en marcha tras a anterior Asemblea Xeral do grupo, co obxectivo de compartir entre as entidades socias o coñecemento en toro a este sector, que na actualidade ocupa un lugar central nas políticas de crecemento económico de moitos territorios. Por iso, os seus integrantes tamén visitarán hoxe o Matadoiro Compostela.

REDEL
A Rede de Entidades de Desenvolvemento Local xorde como resposta á necesidade de que as axencias locais colaboren para ampliar os coñecementos que teñen adquiridos pola experiencia e para exercer como lobby. REDEL naceu no ano 2008, e está formada por un conxunto de axencias de desenvolvemento económico local e organizacións que promoven o seu traballo en rede en distintos territorios españois, e pretende constituírse en referente para os actores profesionais ou políticos que interveñen no deseño e na xestión de políticas de desenvolvemento económico local

De REDEL forman parte as principais axencias de desenvolvemento existentes a nivel estatal: Barcelona Activa (Concello de Barcelona), Concello de Madrid, PalmaActiva (Concello de Palma de Mallorca), Getafe Iniciativas, S.A., Agencia de Desarrollo Local (Concello de Getafe), Deputación de Barcelona, Concello de Santiago de Compostela, Asociación Vasca de Agencias de Desarrollo GARAPEN, Centro de Iniciativas Municipales de Murcia (Concello de Murcia), València Activa (Concello de Valencia), ImpulsAlicante, Agencia Local de Desarrollo Económico y Social (Concello de Alicante), ILDEFE - Instituto Leonés de Desarrollo Económico, Formación y Empleo (Concello de León), Promálaga (Concello de Málaga), IMDEEC - Instituto Municipal de Desarrollo Económico y Empleo de Córdoba (Concello de Córdoba), SODEBUR - Sociedad para el Desarrollo de la provincia de Burgos (Deputación de Burgos), Móstoles Desarrollo (Concello de Móstoles) e Concello de Zaragoza.

Compartir: