ACCIÓN CULTURAL

aCentral Folque comeza curso con máis de 20 docentes e novidades

18/10/2016 A Escola de Música Popular e Avanzada aCentral Folque, da asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, presentou esta mañá en rolda de prensa o seu novo curso académico 2016/17. O Concello colabora coa escola a través dun convenio nominativo e da cesión do Auditorio de Galicia e dos centros socioculturais do Castiñeiriño e da Trisca para as aulas.

O curso inaugurarase cun concerto no Auditorio de Galicia o mércores 26 de outubro, ás 21:00 horas, no que poderemos escoitar a mestres e mestras, alumnado e amigos e amigas da escola, con entrada de balde. Dos detalles deste concerto e do novo curso académico falaron en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a coordinadora dos cursos de aCentral Folque, María Blanco, e o responsable de produción da mesma, Mauro Sanín.

Deste modo abrirá as portas un ano máis o proxecto pedagóxico de aCentral Folque: a Escola de Música Popular e Avanzada en Santiago de Compostela. De feito, o curso comezará xa este venres, 21 de outubro, con novidades importantes e cunha oferta docente renovada.

Dous itinerarios
A Escola de Música Popular e Avanzada oferta dous itinerarios: un para especialización instrumental con aulas individuais e colectivas e outro itinerario coma un curso maxistral de dous cursos arredor das formas da música popular galega, con materias prácticas e teóricas coma repertorio, análise e etnomusicoloxía, historia, arranxos, composición, gravación, improvisación… No itinerario de especialización instrumental haberá este ano aulas individuais de zanfona, violino, frautas e requinta, canto e técnica vocal e percusión. E nas colectivas seguirán con linguaxe musical: método Kodaly e harmonía na música popular e, como novidade este ano, baile, gaita, canto e pandeireta e regueifa e improvisación oral.

Dous itinerarios que seguir adaptados ás necesidades de todas aquelas persoas que queiran achegarse, afondar ou iniciarse na música popular galega. Este ano hai novidades con respecto ao curso pasado como a creación dun coro de voces e dun combo instrumental para o alumnado da escola; o inicio do segundo ano do Curso Maxistral ou a oferta nas aulas colectivas de novas especialidades coma baile ou canto con percusión.

Máis de vinte especialistas en activo impartirán o ensino de diversos coñecementos sobre a música popular. Mestres permanentes de ensino regular coma: Alejandro Vargas, Carlos Freire, Alba María, Óscar Fernández, Roberto Sala, María G. Blanco, Ramon Pinheiro, Pablo Pérez, Sergio de la Ossa, Paulina Ceremuzynska, Serxio Cobos, Javier María López, ou convidados para seminarios especiais coma Dorothé Schubart, Fernando Abreu, Tomás Ageitos, Olga Kirk, Quique Peón, Felisa Segade, Paulo p, Óscar Ibáñez, Pedro Fariñas, Xavier Groba, Carme Iglesias, Jose Luís do Pico, Rosalía Rodríguez, David Bellas…

Direccións relacionadas



Compartir: