FACENDA

Última asemblea de decisión de investimentos, da área de Cidade, este mércores no CSCXM do Ensanche

18/10/2016 Os Orzamentos Participativos de Santiago de Compostela atópanse na recta final da súa fase decisiva. A plataforma Compostela Decide permitirá votar aos composteláns e compostelás e ás persoas que acrediten estar estudando na cidade ata o próximo martes 25 de outubro. Son xa 900 as persoas que se rexistraron e están a participar priorizando as propostas que máis interesantes lles parecen nas áreas Sueste, Nordeste, Cidade e Mocidade.

A partir do día 26 saberanse cales son os investimentos que irán incluídos na proposta de orzamento municipal do Goberno local para 2017, e que sumarán un valor de 1.100.000 euros. Ata daquela, pódese votar de xeito on line, a traves da web decide.santiagodecompostela.gal, ou presencialmente nas asembleas de decisión das áreas de Cidade e Mocidade que se celebrarán, respectivamente, os mércores 19 e 26 no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche ás 20:15 horas.

As asembleas presenciais de decisión serven, ademais de para emitir o voto, para defender e debater as propostas rexistradas por persoas a título individual ou feitas por asociacións. Todas se retransmiten en directo a través da canle de Youtube Compostela Decide e calquera persoa que o desexe pode intervir. Ademais, foron varias as asociacións veciñais do rural que solicitaron a celebración de asembleas para que puidesen votar de xeito presencial persoas con dificultade de mobilidade e sen acceso a internet.

Para votar on line só é preciso o enderezo onde a persoa está empadroada e o seu DNI. Unha vez rexistrada, pode comezar a escoller propostas. No apartado da web "Como votar" explícase paso a paso este proceso, que para ser válido terá que contabilizar 10 propostas priorizadas (de 10 puntos a 1 punto) na área ou áreas ás que pertenza a persoa en cuestión.

Compartir: