SAÚDE

O Concello súmase á celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama

18/10/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúdes, Concha Fernández, presentou coa presidenta e o vicepresidente da Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro (AECC), Luz Hernández e Antonio Guerrero, respectivamente, as actividades que desenvolverán ambas institucións con motivo do Día Mundial contra o Cancro.

Concha Fernández destacou que, "co obxectivo de visibilizar esta enfermidade e de continuar avanzando en prol da investigación e da procura de tratamentos máis efectivos, a AECC, en colaboración con este Concello, organiza unha serie de actividades que xa deron comezo o pasado sábado 15 de outubro coa instalación dunha mesa informativa e de captación de fondos en Kiabi, no polígono da Costa Vella". A concelleira lembrou ademais que "son este tipo de entidades privadas as que, froito do seu traballo, son as responsables de que se avance na investigación e no tratamento". Na mesma liña se pronunciou a súa presidenta, Luz Hernández, quen engadiu que "a asociación está coas familias e afectados polo cancro con recursos propios, asumindo a falta de investimento das administracións".

15 días de actividades
Do mércores 19 ao domingo 23, os autobuses urbanos levarán carteis e lucirán un lazo rosa. O mesmo 19 iluminaranse os balcóns do Pazo de Raxoi, as torres Hejduk da Cidade da Cultura e a fachada do Concello de Ames de cor rosa, a cor simbólica do cancro de mama.

A asociación ME.I.GA colabora tamén o día 19 colocando unha mesa informativa na Facultade de Medicina. Mañá mércores, o Multiúsos Fontes do Sar e C.D. Santa Isabel, levarán a cabo unha Xornada Solidaria, onde esperan que a cor rosa predomine e bañe tódalas actividades deportivas que realicen ó longo do día. Toda a recadación de ese día correspondente a entradas, aluguer de toallas, etc, doarana integramente á AECC. Tamén habilitaron unha conta onde se poden facer doazóns para a organización. Ese día colocarase tamén unha mesa informativa e de captación de fondos de 18:00 a 21:30 horas nas instalación do Multiúsos Fontes do Sar.

O xoves 20 de outubro instalarase unha carpa na praza Roxa en colaboración coa Fundación Siel Bleu. Terá un carácter preventivo, divulgativo e de captación de fondos. Repartiranse folletos informativos, lazos rosas, globos rosas e informarase á poboación dos servizos que presta a AECC, incidindo en que son gratuítos e levados a cabo por profesionais. A Fundación Siel Bleu concienciará da importancia da práctica de AF para a poboación xeral, ofrecerá un pequeno recoñecemento funcional e repartirá folletos de difusión.

O 22 de outubro celebrarase a II Maratón de manicuras solidarias en Mímate, centro de estética situado en Bertamiráns. De 10:00 a 22:00 horas realizarán manicuras express por unha aportación de 5 euros que doarán integramente á AECC. Finalmente, o 29 de outubro, na praza de Macías en Padrón, as 12:00 horas, haberá unha master class de zumba organizada un ano máis por Eneida León a beneficio da AECC, na que a cor rosa tinguirá todo o espazo. Dende a AECC darase información sobre os programas e servizos da asociación.

Documentos relacionados



Compartir: