ACCIÓN CULTURAL

Pablo Fidalgo Lareo presenta "Habrás de ir a la guerra que empieza hoy" dentro do ciclo de Teatro & Danza

10/10/2016 "Ao meu querido irmán Manolo, coa añoranza dos anos e a distancia". Esta dedicatoria nun manual de origami que Pablo Fidalgo Lareo atopa nun andel da súa casa é o inicio de Habrás de ir a la guerra que empieza hoy. Poderemos vela mañá martes 11 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala Agustín Magán, no CSC de Santa Marta. Poden mercarse as entradas na billeteira do Teatro Principal no seu horario habitual e no propio centro sociocultural dende unha hora antes de que inicie o espectáculo a un prezo de 10 euros (cos descontos habituais do 50%). Ao remate do espectáculo haberá un encontro da compañía co público presente na sala.

O inicio dun proceso de reconstrución da historia da súa familia e de España, o inicio do encontro coa figura fascinante do seu tío bisavó Giordano Lareo: encarcerado durante a Guerra Civil, exiliado tras escapar "in extremis" da execución e tamén profesor, tradutor, tesoureiro da República no exilio, representante de Nestlé na Patagonia, inventor dun sofá-cama e autor do primeiro manual de papiroflexia de Arxentina. Nesta peza, que é ao mesmo tempo un encontro e un baile final, darase vida a Giordano Lareo. Arxentina, a terra do exilio, será o lugar onde prepararnos para a guerra, onde pór a salvo as ideas, onde educar a mirada para unha paisaxe infinita que nos acompañará até o final.

Compartir: