ACCIÓN CULTURAL

"semente. 15 anos apoiando a arte emerxente", nova exposición no Auditorio de Galicia

10/10/2016 O Auditorio de Galicia inaugura mañá martes, 11 de outubro, unha nova mostra na sala Isaac Díaz Pardo. Trátase de semente. 15 anos apoiando a arte emerxente, un proxecto no que os comisarios Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre fan unha selección de obras cuxos autores tiveron traballos seleccionados nos Premios Auditorio de Galicia para Novos Artistas.

De cada unha das nove convocatorias do Premio, os comisarios elixiron catro artistas e, de entre toda a carreira destes, obras destacadas que demostran que, efectivamente, estes premios deixaron a súa semente no noso patrimonio cultural. A mostra será inaugurada polo alcalde da cidade, Martiño Noriega, e os comisarios da mesma, e poderá verse ata o 26 de febreiro, con entrada de balde, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

O Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas celebrou no ano 2016 a súa novena edición, logo de celebrar a primeira no ano 2012. Nestes anos presentáronse case mil proxectos, dos cales foron seleccionados preto de 300, expostos na sala Isaac Díaz Pardo e catalogados. Agora os comisarios da mostra, Cerviño e González-Alegre, fan un repaso a todas as edicións e elaboran a súa propia selección sobre os artistas que participaron nas diferentes edicións.

Poderemos ver obras de: Mónica Alonso, Carla Andrade, Misha Bies Golas, Marta Bran, Mónica Cabo, María Castellanos, Rosendo Cid, Nicolás Combarro, Andrea Costas, Manuel Eirís, Suso Fandiño, Tamara Feijoo, Sara Fuentes, Amaya González Reyes, Beatriz Lobo, Carlos Maciá, Tatiana Medal, Holga Méndez, Antía Moure, Nano 4814, Álvaro Negro, Simón Pacheco, Mery Pais Domínguez, Lois Patiño, Pablo Pérez Sanmartín, Jorge Perianes, Rubén Ramos Balsa, Borja Santomé, Diego Santomé, Olaia Sendón, Federico Vladimir Strate Pezdirc, Mauro Trastoy, Damián Ucieda, Manuel Vázquez e Mar Vicente.

Para poder facer esta selección, contamos con préstamos das Colección Afundación, Colección Alterarte Campus de Ourense, Colección de Arte Contemporáneo MAC, Colección Fundación Barrié, Colección Fundación Luis Seoane, Colección MICA, Colección permanente CGAC, Deputación Provincial de Ourense (Centro Marcos Valcárcel), Fundación RAC, coleccións privadas e obras cortesía das e dos artistas. Isto tamén é unha mostra de que os artistas seleccionados nestes Premios do Auditorio de Galicia son agora protagonistas das coleccións máis destacadas do país.

Compartir: