CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia inicia a súa tempada coa estrea da obra "Pasaxes" do compositor galego Fernando Buide

10/10/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos na súa sede, o Auditorio de Galicia. O primeiro será este xoves, 13 de outubro, co que arrinca a súa tempada, ás 20:30 horas. O venres, ás 18:30 horas, parte do concerto repetirase para o público máis novo e para as familias, no marco do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos. Nas dúas actuacións levará a batuta o director titular e artístico da agrupación, Paul Daniel.

O concerto de inicio da tempada arrincará con Spitfire Preludio e Fuga, do británico William Walton (1902-1983). A continuación a orquestra estreará Pasaxes, do compositor galego Fernando Buide del Real (1980), composta por encargo da Fundación SGAE e a AEOS (Asociación Española de Orquestras Sinfónicas) para esta ocasión. Será interpretada pola voz da soprano catalá Isabella Gaudí, que canta habitualmente nas grandes salas de concertos de toda Europa e América, baixo a batuta de prestixiosos directores.

Cunha duración aproximada duns 23 minutos e escrita nun só movemento, Pasaxes parte de dous textos poéticos. O primeiro é do autor galego Gonzalo Hermo e pertence ao seu poemario Celebración, Premio Nacional de Poesía Nova en 2015. O segundo poema é do escritor inglés Thomas Edwards. "Escrita sen solución de continuidade, a musicalización de ambos poemas está unida por un gran interludio orquestral", explica Buide.

"A música escrita para o texto de Hermo, coa que se inicia a obra, tenta captar a urxencia e intensidade do poema. A pesar de comezar de maneira tranquila e plácida, o carácter da música transfórmase constantemente, fragmentándose, orixinando unha tensión e empuxe que leva ata o final do poema e o arranque do interludio orquestral. O interludio recolle a crecente enerxía acumulada ao longo do texto para conducir a obra a un gran clímax", indica o compositor.

En palabras de Buide, "tras este momento, a música parece deterse para dar paso á atmosfera estática e reflexiva que caracteriza os versos de Edwards. A obra adquire un carácter máis meditativo, pausado, onde en certo xeito a narrativa musical de Hermo transfórmase na contemplación de Edwards. Esta calidade só se verá crebada nalgún momento puntual polas explosións emocionais da soprano".

Obras interpretadas por grandes orquestras norteamericanas
Nacido en Santiago de Compostela, Fernando Buide formouse en Estados Unidos, onde recibiu varios premios de composición, e en Reino Unido. A súa música foi interpretada por formacións como a Orquestra Sinfónica de Pittsburgh, Sinfónica de Minnesota, Filarmónica de Yale, Filarmónica Carnegie Mellon, Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia ou a Nova Orquestra Nacional de España, entre outras. Recibiu encargos de orquestras nacionais e internacionais e os seus encargos foron estreados en lugares tan diversos como Nova York, Roma ou Viena.

En 2013 gañou o premio de composición orquestral que promove a Asociación Española de Orquestras Sinfónicas e a Fundación BBVA pola súa obra Fragmentos do Satiricón. E as principais agrupacións nacionais programaron a súa obra durante as tempadas 2014-2015 e 2015-2016. Foi compositor residente da Real Academia de España en Roma, e profesor na Universidade de Yale e nos conservatorios superiores de Vigo e A Coruña, así como profesor visitante no Conservatorio Santa Cecilia de Roma.

O concerto concluirá coa Sinfonía nº 4 de Johannes Brahms (1833-1897), a última das sinfonías do compositor romántico alemán.

Charla previa con Paul Daniel e Fernando Buide
Antes da celebración deste concerto inaugural, o director Paul Daniel e o compositor Fernando Buide manterán unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: