LINGUA

A programación infantil con Apego vístese de outono

10/10/2016 O alcalde presentou hoxe a programación infantil con Apego para o outono. Martiño Noriega lembrou que "é o terceiro trimestre consecutivo no que o Concello de Santiago unifica toda a súa programación infantil, utilizando o idioma como elemento de conexión".

O rexedor explicou que esta iniciativa está encadrada na rede Apego, "formada por 23 concellos galegos, entre eles o compostelán, que queren incidir na importancia de que lles deixemos aos nosos fillos e fillas a herdanza dunha lingua propia, e por iso poñen en marcha actividades para facilitar a crianza en galego". Noriega explicou que nos próximos meses váiselle prestar especial atención á primeira infancia, con actividades específicas no Centro Sociocultural do Ensanche para nenos e nenas de ata cinco anos.

Así, o mércores 26 de outubro Títeres Babaluva representará A alfombra máxica, unha montaxe con monicreques, música e outras sorpresas dirixida a bebés de 0 a 3 anos. O sábado 5 de novembro será a vez dos Cantacontos de Pablo Díaz, para cativos e cativas de ata cinco anos. As dúas actividades serán ás seis da tarde.

O sábado 10 de decembro, ás doce do mediodía, os nenos e nenas de entre seis meses e catro anos poderán participar en Entre arrolos e contiños, unha divertida sesión de contos con música a cargo de Migallas.

Xa dirixida ás nais e pais, o mércores 16 de novembro, ás seis da tarde, haberá un encontro con Manuel C. Núñez Singala, baixo o nome Nen@s e lingua, unha oportunidade, para reflexionar sobre a transmisión da lingua aos fillos e fillas.

Todas as actividades son de balde, pero é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico do departamento de Lingua do Concello de Santiago: dlg@santiagodecompostela.gal.

Celebración do Samaín
Outro dos eixos da programación infantil con Apego para o outono será a celebración do Samaín. Así, o próximo venres 14 comezarán no Centro Sociocultural de Conxo as Historias sen alento, unhas sesións de arrepiantes relatos breves para poñer a proba a valentía da rapazada. Tamén está previsto un Gran Xogo do Samaín, o mércores 26 no Centro Sociocultural de Vite, no que os nenos e nenas terán que responder preguntas e superar probas relacionadas con esta festa. Ademais, haberá un obradoiro de tallado de cabazas, e festas de disfraces o sábado 29 de outubro no Local Sociocultural de San Lourenzo e o luns 31 no Local Sociocultural da Pontepedriña.

Outras propostas
A programación infantil con Apego inclúe outras moitas actividades para nenos e nenas de máis idade, con teatro, maxia, música, contacontos ou xogos populares. Tamén están previstas actividades específicas para celebrar o magosto e o Nadal. Desta vez, a ruta ambiental proposta no folleto do Apego é para ver cogomelos polo Monte Pedroso.

Toda a información e a programación completa do Apego pódese consultar na web apego.santiagodecompostela.gal.

Compartir: