FACENDA

Ábrese o prazo para votar as propostas finalistas dos Orzamentos Participativos Compostela Decide

06/10/2016 A partir de mañá, venres 7, e ata o 25 de outubro, a cidadanía compostelá poderá decidir a que destinar unha parte do orzamento municipal para 2017. Son 1.000.000 de euros en total divididos en 4 áreas (rural, nordeste, sueste e cidade) para as cales se foron recollendo ao longo destas semanas diversas propostas veciñais. A web dos Orzamentos Participativos Compostela Decide recolle todas as iniciativas de investimentos que finalmente superaron a fase de avaliación e contraste técnico conforme aos requisitos que establecen os OP: ser un investimento, de competencia municipal, non contravir a lexislación vixente e ter un valor non superior ao total do orzamento que hai por área.

Das 247 achegas iniciais, 189 pasaron o filtro técnico e estarán dispoñibles no apartado de Propostas para ser priorizadas nesta fase decisiva.

Que se precisa para poder participar na fase de votación?

- Estar empadroada en Santiago e facer o rexistro na web (DNI e data de nacemento).

- Ter entre 16 e 35 anos e estudar en Compostela (achegando o resgardo da matrícula a través do correo decide@santiagodecompostela.gal).

Como votar?

- Cada persoa debe escoller un total de 10 propostas de entre todas as rexistradas nas áreas ás que pertenza. Isto é: se pertence só á área de Cidade escollerá 10 propostas desa área, pero se pertence, ademais, á área Sueste e a Mocidade poderá elexir un total de 30 (10 por cada área). Para que o voto sexa válido, priorizará 10 propostas por área.

- Ao comezo do proceso outórgase 10 puntos á proposta que máis valorada, de seguido 9 á segunda proposta preferida, 8 puntos á seguinte, e así ata asignar 1 punto á última proposta.

- A votación tamén se poderá facer de xeito presencial nas asembleas que terán lugar nas vindeiras semanas.

A ponderación das propostas

- Para poñer en valor a solidariedade, a inclusión e contribuír a un concello socialmente equilibrado e sostible no proceso de OP o Regulamento establece uns valores de ponderación que a Mesa de Propostas aplicou ás propostas que cumprían determinados criterios neste sentido.

- Os valores de ponderación dunha proposta incrementarán a cifra de puntos asignados na votación, aplicándolle un incremento porcentual sobre os puntos recibidos.

Direccións relacionadas



Compartir: