CONSORCIO

A Real Filharmonía toca mañá venres no Centro Sociocultural de Fontiñas

06/10/2016 A Real Filharmonía de Galicia vai celebrar mañá venres un concerto no Centro Sociocultural de Fontiñas. Esta actuación, que será gratuíta ata completar o aforo, comezará ás 19:00 horas.

No concerto de Fontiñas levará a batuta a axuda de concertino da orquestra, Adriana Winkler. Estudou na Universidade de Música de Bucarest. Entre 2007 e 2011 foi agregada cultural na Embaixada de Romanía en Berlín. Tamén é profesora de violín na Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela.

A actuación comezará coas Danzas Romanesas do compositor húngaro Béla Bartók (1881-1945). O público poderá escoitar ademais o Concerto para violoncello do veneciano Antonio Vivaldi (1678-1741), Elexía do compositor alemán Enrico Mainardi (1897-1976) e, por último, a Serenata do austrohúngaro Antonín Dvorák (1841-1904).

A Elexía de Enrico Mainardi será interpretada ao violoncello por Thomas Piel, violoncellista da orquestra. Natural da cidade alemá de Colonia, entre os seus profesores tivo ao mestre ruso Mstislav Rostropóvich. Ademais do seu labor na Real Filharmonía de Galicia, na actualidade ensina violoncello na Escola de Música Berenguela, en Santiago.

Compartir: