MOCIDADE

En marcha novas actividades do piloto de Orzamentos Participativos de Mocidade

06/10/2016 A concelleira Branca Novoneyra deu conta hoxe do inicio de tres actividades organizadas polo Departamento de Mocidade, ao abeiro do piloto de Orzamentos Participativos nesta área para 2016. Trátase do ciclo Cine Espallado, dunha campaña de sensibilización contra o maltrato animal e dun curso de comunicación en Lingua de Signos.

Branca Novoneyra incidiu no éxito do piloto de Orzamentos Oarticipativos na área de Mocidade, "que permitiu cambiar o catálogo de actividades das institucións, que ás veces non van ao mesmo ritmo co que evolucionan os intereses da cidadanía". Daquel proceso xurdiu o ciclo Cine Espallado, organizado polo colectivo Barriopía, que estivo representado na rolda de prensa de hoxe por Sol Álvarez e Diego Miramontes. Segundo explicaron, un dos seus obxectivos é "conseguir que a veciñanza da zona urbana se achegue ás parroquias compostelás, que teñen unha grande historia, moita riqueza natural por descubrir e tamén unha importante tradición cultural e deportiva".

A iniciativa arrancou a semana pasada en Aríns, coa proxección do filme Relatos salvaxes e coa participación da actriz compostelá gañadora dun Goya Nerea Barros. As próximas sesións serán nas parroquias de Villestro, A Peregrina, Marrozos, Sabugueira (Lavacolla) e Figueiras. A última será nun ámbito urbano, en concreto en Vista Alegre. En cada unha delas participará unha persoa coñecida que teña algunha vinculación con Santiago, e que será a encargada de elixir o filme a proxectar. Como complemento, dende o colectivo Barriopía propoñen pequenos itinerarios para que as persoas que se acheguen á proxección poidan antes pasear pola parroquia.

Campaña contra o maltrato animal
A segunda das iniciativas presentada hoxe é unha Campaña de sensibilización contra o maltrato animal e a promoción da convivencia responsable, organizada en colaboración co club canino "Só lles falta falar".

Esta iniciativa foi a proposta que quedou en sexto lugar entre todas as presentadas no piloto de Orzamentos Participativos na área de Mocidade. Está dirixida a alumnado de Secundaria e Bacharelato, co obxectivo de crear conciencia contra o maltrato animal e fomentar o coñecemento dos cans. Farase a través de sesións de 50 minutos, con contidos teóricos e prácticos, xa que os rapaces e rapazas estarán en contacto directo cos cans durante as actividades.

A idea é que as sesións se desenvolvan nos propios institutos, en principio nos xoves de aquí a final de ano. Dende o Departamento de Mocidade váiselle remitir unha carta informativa á dirección de todos os institutos da cidade, para que os que estean interesados se poñan en contacto co Concello e se inscriban na actividade.

María Sabel e Pablo Freire, membros de "Só lles falta falar", amosaron a súa satisfacción pola inclusión desta proposta na programación de Mocidade, porque lles dá a oportunidade de "desenvolver de xeito estable accións que ata o de agora viñamos realizando de maneira puntual nalgúns institutos e centros educativos". Ademais das actividades co alumnado de Secundaria e Bacharelato, a asociación vai impartir charlas nos parques da cidade, abertas a toda a veciñanza.

Lingua de signos
Por último, dende Mocidade ponse en marcha un Curso de Comunicación en Lingua de Signos, a proposta que quedou en décimo sexto lugar durante o proceso de Orzamentos Participativos. A actividade celebrarase ao longo do mes de novembro e nos primeiros días de decembro, con dúas sesións semanais. Está previsto que se celebre os luns e mércores, en horario de catro a seis da tarde. En total serán 30 horas de formación.

A actividade é de balde e só hai que inscribirse, dende hoxe, no teléfono 981 543 001, ou no correo electrónico dptoxuventude@santiagodecompostela.gal. Hai 20 prazas dispoñibles.

Orzamentos Participativos
A concelleira Branca Novoneyra aproveitou para lembrar que hoxe finaliza o prazo para a presentación de propostas para os Orzamentos Participativos na área de Mocidade para 2017. Ata onte tíñanse presentado 25 propostas.

Compartir: