CONSORCIO

Un libro recolle a expansión urbana da cidade entre 1778 e 1950, a través dos seus ensanches residencial, universitario e de esparexemento

05/10/2016 O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións acaban de publicar Periferias y (Des)bordes, o segundo tomo da investigación Evolución urbana y cambios morfológicos, Santiago de Compostela 1778-1950, do arquitecto e profesor compostelán Pablo Costa Buján. O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, presentou a publicación na sede da Fundación Granell. Ao acto asistiron, ademais do autor, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de publicacións do organismo, Juan Conde; e José Luís Teófilo, de Teófilo Edicións.

Esta publicación é parte da tese de doutoramento de Pablo Costa, que dirixiu o catedrático das universidades Politécnica de Valencia e Santiago de Compostela José Antonio Franco Taboada e pola que obtivo un premio extraordinario. O autor estudou a cidade durante máis de tres décadas e formou parte do reducido grupo de arquitectos que elaborou o expediente presentado á Unesco no ano 1984 para optar á Declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade.

Na publicación anterior, baixo o título de La ciudad heredada, o arquitecto analizaba a evolución urbana do núcleo da cidade compostelá tendo en conta todos os factores que a condicionaron, sobre todo os sociais e os políticos. Agora, céntrase na expansión urbana a través dos seus ensanches, "que se planearon ao amparo do abrigo natural dos seus ancestrais rueiros".

O período de estudo coincide co final das grandes obras eclesiásticas e o inicio da racionalización da cidade, coa organización e desenvolvemento de novas estruturas, esencialmente cara as zonas que ocuparían os futuros ensanches universitario, residencial e de esparexemento, obxecto desta edición. A data inicial do libro responde ao momento en que aparece unha cidade moi transformada polo legado do Barroco.

A Alameda, novos espazos residenciais e cidade universitaria
Costa explica que, neste período, o marco espacial onde se materializan as maiores transformacións é o definido polo amplo arco que integran as rúas da Senra e Hórreo, Carreira do Conde e Campo de Santa Susana, ao sueste; a avenida de Figueroa e Porta Faxeira, seguidas da rúa do Pombal e Cruceiro do Gaio, ao oeste. O sector péchase cos Agros do Mendo e do Outeiro, situados ao poñente da cidade. "Sobre este amplo ámbito, plasmaranse as transformacións de maior calado urbanístico", afirma.

Ademais da Alameda, entre as grandes intervencións realizadas na periferia da cidade ao longo destes anos destacan a Escola de Veterinaria, na rúa do Hórreo; a Facultade de Medicina e o Hospital Clínico, na rúa de San Francisco; e a Escola de Xordomudos e Cegos, no barrio de San Caetano. Os outros dous fitos do ensanche urbano nesta etapa foron o ámbito residencial e o universitario.

Ao longo da publicación, o arquitecto aborda a conformación do parque da Alameda, a evolución e desenvolvemento dos bordos da cidade decimonónica, os ensanches residenciais e a cidade universitaria. A publicación está ilustrada e documentada con táboas de datos, fotografías antigas, planos, debuxos… de espazos e edificios desenvolvidos neste período. A edición complétase cun CD con varios apéndices documentais, nos que se recolle o plano da poboación de 1907-1908 de Laforet, Cánovas e De la Gándara; as arquitecturas da cidade xardín da Rosaleda de Jenaro de la Fuente; o inventario das primeiras arquitecturas do Ensanche; xunto co inventario da arquitectura contemporánea da cidade universitaria (Campus Sur).

A finalidade do autor a través da súa investigación ao redor da cidade de Santiago é "dignificar e poñer en valor o noso patrimonio, tamén espertar conciencias olvidadas para estimular a súa protección actual e futura permanencia". Tal como resalta no prólogo do libro o catedrático José Antonio Franco Taboada, "o profesor Costa, coa súa obra, axúdanos a acabar de entender que os lugares nos que habitamos non son tan só edificios, senón tamén e, sobre todo, a cidade que configura e na que se desenvolven todas as actividades que poderiamos definir como públicas das nosas vidas".

Compartir: