TURISMO

Presentada en Madrid a oferta turística e cultural das Cidades Patrimonio

05/10/2016 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, entidade que reúne as 15 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, presentou onte á noite no Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid a oferta turística e cultural das cidades pertencentes á rede: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Conca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda. A concelleira de Turismo, Marta Lois, representou a Santiago neste acto.

O acto tiña por obxectivo achegar ao segmento dos profesionais do sector turístico e cultural e aos medios de comunicación especializados da capital a variada oferta patrimonial destes destinos, así como as propostas e eventos de interese turístico que ao longo do próximo ano ofrecerán nos seus calendarios cada unha das cidades.

A presentación correu a cargo da presidenta do Grupo e alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado, e contou coas intervencións da secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego; do director xerente do Museo Thyssen, Evelio Acevedo; e da alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena. Asistiron tamén os alcaldes de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Córdoba, Eivissa, San Cristóbal de la Laguna, Segovia, Tarragona e Úbeda, e os concelleiros de Turismo das 15 cidades do Grupo.

Mercado emisor
Madrid é un mercado emisor de grande interese para as Cidades Patrimonio, como destino preferido dos madrileños nos seus desprazamentos nacionais, e, ao tempo como porta de entrada ao noso país dos millóns de viaxeiros estranxeiros que, tras visitar Madrid, inclúen as 15 cidades nas súas rutas para descubrir a riqueza e diversidade cultural de España.

O pasado histórico das Cidades Patrimonio, así como o seu legado cultural, arquitectónico e paisaxístico, fixo delas unhas cidades especiais e cheas de esencia, dignas merecedoras de formar parte do selecto grupo de cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco, na que España ocupa o terceiro lugar do mundo tras Italia e China con maior número de bens incluídos.

A riqueza destas 15 cidades non reside unicamente no seu patrimonio. Trátase de cidades cheas de vida, cunha fusión única que permite ao viaxeiro gozar de fermosos recunchos para, a continuación, gozar da súa deliciosa gastronomía. Cidades onde os eventos, xa sexan culturais ou de calquera outra temática, sucédense ao longo do ano. Cidades nas que a vida pasa a outro ritmo e convidan a gozar e ser partícipes da arte de vivir que é a esencia da nosa cultura e a nosa tradición.

Compartir: