FACENDA

Mañá xoves remata o prazo para facer propostas de actividades de mocidade dentro dos Orzamentos Participativos

05/10/2016 Mañá, xoves 6, ás doce da noite pecharase a opción de facer propostas para a área de Mocidade na páxina dos Orzamentos Participativos Compostela Decide.

Dentro da partida total dos OP para 2017 (1.100.000 euros), 100.000 euros destinaranse a actividades dirixidas á mocidade (entre 16 e 35 anos). Calquera persoa pode facer propostas para esta área, se ben á hora de escoller as máis acaídas deberá estar censada ou ser estudante en Santiago de Compostela.

Unha vez rematado o período propositivo, as suxestións entrarán na fase de contraste técnico para comprobar que son viables e entran dentro do orzamento dispoñible para esta área. A continuación, abrirase o período para que as persoas rexistradas e que cumpran os requisitos (ter entre 16 e 35 anos e estar censadas en Compostela ou cursando estudos na cidade) poidan facer as escollas das actividades que consideren máis interesantes para executar o ano que vén.

As actividades seleccionadas pasarán a formar parte do gasto corrente, polo que deben poder ser desenvolvidas en 12 meses ou menos. O ano pasado houbera xa unha experiencia piloto de Orzamentos Participativos, resultado da cal saíron actividades diversas que xa se foron desenvolvendo ao longo deste ano na nosa cidade, como por exemplo o Cine espallado -que está a percorrer estas semanas a contorna compostelá coas películas favoritas de persoas de relevancia-, os concertos de grupos locais celebrados no Ensanche este verán ou un curso de lingua de signos.

A web dos OP rexistrou para este proceso 24 propostas, entre outras: círculos de lectura crítica nos medios de comunicación, un taller para aprender a pasar "da idea ao proxecto real", outro de improvisación teatral, un laboratorio de creación e de land art na zona rural, aulas de educación canina e actividades para fomentar a tenza responsable, un obradoiro teórico práctico de aproximación e impulso á arte urbana dende unha perspectiva de xénero, actividades para o fomento do deporte como mecanismo para a integración social, ximnasia mental, itinerarios teatralizados da historia compostelá, un obradoiro para recuperar a forma de desenvolver habilidades ou un festival que dea a coñecer a rede de centros socioculturais e o Matadoiro e ao tempo sensibilice sobre a celiaquía.

Direccións relacionadas



Compartir: