TURISMO

Nove longas documentais no Womex Film Nights, aberto ao público

05/10/2016 O Womex 2016, que ten entre os seus patrocinadores ao Concello de Santiago, a través de Incolsa, amplía o seu campo de operacións dende á música ao cine máis directamente emparentado coa música. Womex Film Nights é o nome da sección cinematográfica do festival que se celebrará entre 20 e o 22 de outubro e que ofrecerá un total de nove títulos no Museo das Peregrinacións. Esta é a primeira vez que este festival cinematográfico se celebra de maneira aberta aos públicos xerais, ademais das proxeccións destinadas a profesionais.

Os nove títulos que integran esta edición do festival ofrecen unha ampla panorámica do que se produce agora mesmo no mundo das longametraxes documentais sobre música. Os nove documentais contan historias de música en Francia, Indonesia, Tailandia, Estados Unidos ou Senegal, entre outros.

Womex Film Nights ofrece unha plataforma para conectar as comunidades internacionais da música e do cine. Coa mesma orientación que o festival musical, este programa ofrecerá na súa cita de Santiago nove proxeccións de documentais doutros tantos países. As nove longametraxes seleccionadas explican a influencia da música no mundo e a influencia do mundo na música. Investigacións sobre a historia da música, celebracións mundiais, documentais sobre o compromiso dos músicos en África son algúns dos argumentos deste ciclo que, por primeira vez, será aberto a todos os públicos con proxeccións na cidade de Santiago de Compostela.

Esta edición do Womex Film Nights pretende satisfacer ao mesmo tempo aos profesionais e espectadores interesados na música e aos que interesados no cine. Ademais, o festival cinematográfico pretende ser útil para que se establezan contactos e ligazón entre directores, produtores, músicos e públicos. Os pases de cada unha das longametraxes contará cos seus directores e os espectadores e profesionais poderán dialogar con eles despois das proxeccións.

Direccións relacionadas



Compartir: