CONSORCIO

Unha mostra fotográfica do 20º aniversario da Real Filharmonía pode visitarse nos CSC de Vite, Santa Marta e Fontiñas

05/10/2016 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana concertos gratuítos nos centros socioculturais de Vite (hoxe, mércores 5), Santa Marta (mañá, xoves 6) e Fontiñas (venres día 7). No marco desta iniciativa, os tres centros acollen ademais unha exposición conmemorativa do 20º aniversario da orquestra. É unha selección de instantáneas de Luis Soto, amante da fotografía e frautista da agrupación.

Baixo o título Real Filharmonía de Galicia. 20 anos contigo, o Consorcio de Santiago, organismo que xestiona a RFG, promovía en febreiro dúas exposicións para celebrar os vinte anos de traxectoria da orquestra. A mostra distribuíase en dous espazos, a Casa do Cabido (na praza das Praterías), xa clausurada, e o Auditorio de Galicia (sede da orquestra), onde aínda se pode visitar.

Agora unha parte da exposición da Casa do Cabido repártese entre os centros socioculturais de Vite, Santa Marta e Fontiñas; coincidindo cos concertos da agrupación. Nestas mostran poden contemplarse fotografías de diferentes épocas da orquestra.

Un frautista afeccionado á fotografía
O autor das imaxes é o músico Luís Soto, frautista da Real Filharmonía de Galicia dende a súa creación, moi afeccionado á fotografía e que ten ilustrado os grandes momentos da orquestra. Ao longo destes anos logrou captar e reunir milleiros de instantáneas que agora comparte co público. A súa afección pola fotografía comezou hai 15 anos, xusto cando empezou a fotografar aos seu compañeiros. Así, na actualidade dispón de máis 25.000 instantáneas da práctica totalidade dos concertos, directores e solistas que colaboraron coa RFG ao longo da súa traxectoria.

Compartir: