ACCIÓN CULTURAL

O relato curto e o teatro protagonizan as novas actividades dos centros socioculturais para os vindeiros meses

05/10/2016 A literatura vai ser protagonista de dúas das novas actividades que se desenvolverán na Rede de Centros Socioculturais nos próximos meses. A concelleira Branca Novoneyra presentou hoxe esas iniciativas: as sesións de Liñas Paralelas, que vai dirixir Pepe Sendón, e un Obradoiro de Dramaturxia, a cargo de Roi Vidal.

A edil explicou que estes programas son "unha mostra máis da intención do Goberno de diversificar a oferta de actividades na rede de centros socioculturais de Compostela, e de transformalos en espazos de colaboración cos artistas e axentes culturais da cidade". Branca Novoneyra tamén mostrou a súa satisfacción por poder colaborar tanto con Pepe Sendón como con Roi Vidal, "polas súas traxectorias profesionais, e polo que veñen significado para a actividade cultural de Santiago".

Liñas Paralelas
Liñas Paralelas é un ciclo que xunta relato breve e música en vivo e que se desenvolverá os venres de outubro e novembro na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta. Haberá dúas saídas puntuais en sábado ao Centro Sociocultural de Conxo.

As sesións, conducidas polo escritor, actor e músico Pepe Sendón, consistirán nunha escolma monográfica de relatos coidadosamente seleccionados, moitos deles traducidos ao galego por vez primeira. En cada xornada farase unha escolla de relatos a partir dun tema determinado, para dar unha mostra das diferentes maneiras de contar. Os relatos irán acompañados pola música en directo de Suso Alonso, Alfonso Calvo, Marcos Teira, Nenoescuro e Narf.

O ciclo abrirase o 7 de outubro coa sesión Relatos Imposibles, que abordará as diferentes tipoloxías e técnicas do relato fantástico, con exemplo de Dieste, Calvino, Cortázar, Ballard ou Murado. Despois chegarán sesións sobre Crimes Imperfectos, Terapias de Parella, Sucesos Atroces, Asuntos de Defuntos, Crónicas de Siria, Contos Macabros e Instintos Animais.

Pepe Sendón explicou que Liñas Paralelas pretende poñer en valor a literatura breve, nun momento no que está rexurdindo a figura dos contacontos e tamén o microrelato. O escritor lembrou que "os contos sempre foron un xénero á vangarda nos movementos literarios, un espazo para experimentar", e mostrou o seu desexo de que este ciclo sexa permanente no tempo e se converta nun punto de encontro no que os asistentes poidan ler mesmo os seus textos.

Obradoiro de dramaturxia con Roi Vidal
A concelleira Branca Novoneyra tamén presentou hoxe o Obradoiro de Dramaturxia Disme o corpo, douche a voz, que se vai desenvolver no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega. A partir do 15 de outubro, haberá 15 sesións dirixidas por Roi Vidal e unha sesión maxistral impartida pola actriz e directora teatral Clara Gayo. A actividade é gratuíta e desenvolverase os sábados, en horario de once da mañá a unha da tarde. Ofértanse 25 prazas.

Roi Vidal explicou que o Obradoiro de Dramaturxia ten como obxectivo que "os asistentes comprendan o que o teatro ten de característico respecto ás outras artes, porque na sociedade actual é común a falta de coñecemento sobre este xénero". Nas sesións explicarase que "para saber escribir teatro hai que saber lelo e velo", e a partir de aí darase conta das estratexias creativas que poden ser de utilidade á hora de abordar o xénero dramático. Nese sentido, o responsable do obradoiro incidiu en que "escribir teatro non é escribir diálogos, porque pode haber teatro sen diálogos".

O obradoiro tamén pretende que os participantes teñan unha visión xeral da evolución da literatura dramática a través da historia, e que se familiaricen cos grandes temas e mitos do teatro universal.

Compartir: