TURISMO

Turismo estrea unha aplicación para visitar Compostela accesible para persoas con discapacidade visual e auditiva

03/10/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou acompañada do presidente da Fundación Orange, Manuel Gimeno, e do director da empresa GVAM, Jaime Solano, unha nova aplicación móbil accesible para persoas con discapacidade visual e auditiva.

Este proxecto enmárcase dentro de Appside e do convenio subscrito polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade coa Fundación Orange e GVAM. A aplicación ofrece catro rutas e un percorrido accesible polos puntos máis importantes de Santiago. Así, coa app poderase facer a "Ruta intramuros", que propón un percorrido polos principais monumentos do casco histórico e con todas as tradicións que teñen relación coa nosa cidade como Patrimonio da Humanidade.

Outra opción é a "Ruta gastronómica", que busca que se coñeza o mellor da nosa gastronomía, ou a "Ruta extramuros", para dar a coñecer ás persoas que nos visitan as particularidades e a beleza de Compostela fóra do seu casco histórico: entornos naturais, parques… Finalmente, a "Ruta accesible", con puntos de interese adaptados a persoas con discapacidade auditiva ou visual.

Na aplicación hai ademais unha pestana chamada "Accesibilidade" a través da cal o usuario pode elixir e descargar exclusivamente os recursos que precise. Subtítulos, vídeos en lingua de signos, audiodescricións… Ademais a aplicación conta cunha opción denominada "Como chegar" que, mediante GPS, guía ao usuario de punto a punto.

Marta Lois destacou que "para nós como Concello é moi importante poder contribuír a mellorar pouco a pouco a accesibilidade dende distintos ámbitos". Por iso lembrou o convenio asinado con Cogami dentro da Semana da Mobilidade "para traballar en prol da eliminación das barreiras arquitectónicas. E hoxe con esta aplicación, que quere achegar o turismo a todas as persoas para que poidan gozar da nosa cidade aínda que teñan dificultades de tipo visual ou auditivo".

Appside
A app "Santiago de Compostela" nace no marco do proxecto Appside, que promove a creación de aplicacións de guiado que permitan preparar a visita e descubrir de forma autónoma os museos e cidades máis representativas do noso patrimonio. Todas estas apps caracterízanse por ofrecer un contido cultural destinado a un público xeralista pero que, ademais, estea adaptado ás necesidades das persoas con discapacidade sensorial.

Appside firmou un convenio estatal para desenvolver unha aplicación accesible para cada unha das 15 cidades Patrimonio da Humanidade e xa foi implantada en: Museo Sefardí de Toledo, Museo da Evolución Humana de Burgos, Museo Lázaro Galdiano de Madrid, Alcázar dos Reis Cristiáns de Córdoba, Museo Carmen Thyssen de Málaga, Museo da Natureza e o Home de Tenerife e Diputación Provincial de Cuenca. A provincia de Cuenca e as cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Segovia e Úbeda xa dispoñen da súa propia aplicación.

Documentos relacionados



Compartir: