DEPORTE

Santiago acolle o 2 de outubro a XV Camiñada ao Pedroso a prol de Unicef

22/09/2016 O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou xunto ao presidente da sección de montaña do Club Deportivo Fontiñas, Iñaki Bilbao, a XV edición da Camiñada Solidaria ao Pedroso. Na rolda estiveron acompañados de Marta Andrade, de Unicef Galicia, entidade á que se destinarán os fondos recadados na andaina.

"Trátase dunha camiñada solidaria a prol de Unicef que leva xa 15 edicións e que cada ano seduce a máis persoas", sinalou Rafael Peña, quen lembrou que "o pasado ano os fondos recadados foron destinados aos nenos e nenas sirios". Esta camiñada sairá o domingo 2 de outubro ás 10:00 horas da praza do Obradoiro. Percorrerá Rodrigo de Padrón, Alameda e o Paseo dos Leóns, o Campus Sur, a carballeira de San Lourenzo, un tramo do Camiño á Fisterra, Bar de Arriba, a Selva Negra, o outeiro da área recreativa do Pedroso, o outeiro da Mahía no Pedroso, o cumio do Pedroso, e descenderá polo seu Via Crucis ata rematar na Granxa do Xesto.

A inscrición é de 5 euros e pode facerse ata o 30 de setembro na sede do CD Fontiñas (rúa Varsovia, 4C, 4ºC) ou na de Unicef (Carreira do Conde, 2). Ademais permitiranse as inscricións o propio día da andaina no punto de saída. Os menores que participen deberán ir acompañados dunha persoa adulta. Máis información nos teléfonos 981 577 928 e 981 586 387.

Todos aqueles que desexen colaborar pero non poidan acudir poden facer a súa inscrición na fila cero, nos lugares indicados anteriormente, ou facer directamente un donativo na conta de Unicef: Abanca 2080 5355 61 3040039021.

Unicef
Unicef promove os dereitos e o benestar de tódolos nenos e nenas en todas as actividades e programas que levan a cabo. Xusto aos seus aliados, traballan en 190 países e territorios para transformar este compromiso en accións prácticas, centrando especialmente os seus esforzos en chegar aos nenos e nenas máis vulnerables e en situación de exclusión social.

Documentos relacionados



Compartir: