ALCALDÍA E MOBILIDADE

O Concello e Cogami asinan un protocolo para mellorar a accesibilidade en Santiago

21/09/2016 O Concello de Santiago e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade asinaron hoxe un convenio de colaboración que ten como obxectivo mellorar a accesibilidade universal das instalacións e servizos dependentes da administración municipal. O texto foi subscrito polo alcalde, Martiño Noriega, e polo presidente de Cogami, Anxo Queiruga.

En virtude do convenio, Cogami comprométese a informar en materia de accesibilidade, realizando as tarefas de avaliación e asesoramento que solicite o Concello para os proxectos que promova nos ámbitos da edificación, espazo público, parques e xardíns, transporte público ou urbanismo. A cambio, o Concello faralle unha achega anual de 15.000 euros máis IVE. O acordo ten unha duración máxima dun ano, pero pode ser prorrogado anualmente. Ademais, establece a creación dunha comisión mixta de seguimento, integrada por un mínimo de dous representantes do Concello e outros dous da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade comprometeuse a ter en conta a opinión de Cogami en todas as novas obras que se executen na cidade, e tamén para realizar unha auditoría das zonas máis conflitivas a día de hoxe. Jorge Duarte incidiu en que "todas as persoas somos iguais, e a cidade ten que ser para todas".

Pola súa banda, o presidente de Cogami cualificou de "fundamental" a sinatura deste convenio, "para rachar co enfoque de que a accesibilidade é so para as persoas con mobilidade reducida". Nese sentido, Anxo Queiruga salientou que "a mellora da accesibilidade é fundamental para toda a cidadanía, porque calquera persoa pode sufrir problemas puntuais que a obriguen a pasar un tempo nunha cadeira de rodas". Para o responsable de Cogami, é fundamental a colaboración entre as administracións e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, "porque as persoas con mobilidade reducida son as que teñen a mellor visión sobre as medidas necesarias para que os espazos públicos poidan ser desfrutados por toda a cidadanía nas mesmas condicións".

Ponte no seu lugar
A sinatura do convenio de colaboración con Cogami tivo lugar despois de que o alcalde e os concelleiros de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade e Políticas Sociais participarán na actividade Ponte no teu lugar, posta en marcha en colaboración con Cogami con motivo da Semana da Mobilidade. A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade organizou un percorrido en cadeira de rodas dende a dársena de Xoán XXIII ata o Pazo de Raxoi, para que os participantes comprobaran as dificultades ás que as persoas con mobilidade reducida se enfrontan no seu día a día.

Ademais de Martiño Noriega, Jorge Duarte, e Concha Fernández, na actividade participaron os concelleiros Rubén Cela (BNG), Gonzalo Muíños (PSOE), e María Corral (PP). Tamén se sumaron ao percorrido o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel.

Compartir: