ACCIÓN CULTURAL

A segunda edición do festival "Rock is Dead" traerá a Belvís case 200 músicos/as e actividades para todos os públicos

21/09/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou esta mañá a segunda edición do Festival Rock is Dead, que terá lugar o próximo sábado 24 de setembro no parque de Belvís. Na rolda estivo acompañada do vicepresidente e secretario da Asociación Cultural Mad Ghost, Iago e Jorge Otero, encargados da organización do evento.

Branca Novoneyra asegurou que a do 24 será "unha xornada na que todos os públicos poderemos gozar de actuacións musicais con diversos concertos e sesión vermú e onde haberá tamén actividades deportivas para os e as máis cativas". O festival Rock is Dead dará comezo ás 13:30 horas cunha sesión vermú acompañada dun xantar de polbo e churrasco e estenderase ata máis alá da medianoite.

Concertos
O festival Rock is Dead contará con oito concertos que nos achegarán numerosos estilos musicais, como blues, pop, folk e rock. En total serán case 12 horas de concertos que comezarán ás 13:30 horas coa actuación da banda Eager Platypus. Liz & The Blacksoul Band, The Folkies Celtas, Mojo Experience, Jules and The Wolf e Linces Pop completarán o cartel galego nesta edición. Este último grupo dará ademais o seu último concerto tras 50 anos subidos aos escenarios.

A partir das 18:00 horas será a quenda do concerto Rock School Galicia, unha iniciativa conxunta da asociación MadGhost coas escolas de rock de Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago (Rock School Coruña, Púlsar, D-Zetta e A Casa do Rock). Trátase dun escaparate para que as novas promesas do mundo do rock se poidan dar a coñecer e amosen todo o aprendido ao longo do ano.

Ás 19:30 horas terá lugar a decimo sexta edición da Xan Session, unha modalidade que reúne a máis de 100 músicos galegos que renderán homenaxe aos artistas desaparecidos da historia do rock, como Bowie, Lemmy, Mercury, Lenon, Elvis… É a reunión máis grande dos músicos libres de Galicia e xuntará a varias xeracións de músicos dende os 16 anos ata ben superados os 60. O obxectivo de Xan Session pasa tamén polo fortalecemento da escena musical galega.

Actividades infantís
Para esta segunda edición quérese fomentar os deportes, tanto de equipo como individuais. Por iso, este ano realizase o primeiro campionato de fútbol benxamín e de xadrez sub-15. Tamén haberá sesión de contacontos en colaboración coa editora galega Urco, realizando varias sesión ao longo do día para o goce dos e das máis pequenas.

"É unha honra poder acoller de novo este festival despois do éxito da edición anterior, que congregou a centos de mozos e mozas. Unha festividade que busca dar o entorno máis familiar cunha chea de actividades infantís e o espírito dun festival con máis de 12 horas de actuacións musicais", engadiu Novoneyra. Todas as actividades e concertos son de balde.

Compartir: