EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A conferencia de Francesco Tonucci será no salón de actos do IES Rosalía de Castro

20/09/2016 O grande interese que está a xerar a visita do pedagogo italiano Franceso Tonucci a Compostela motivou que o Concello decidira cambiar o lugar no que dará a súa conferencia o próximo 23 de setembro, a partir das 19:00 horas.

Deste xeito, en vez de celebrarse no Museo das Peregrinacións (praza de Praterías), como estaba previsto inicialmente, terá lugar no salón de actos do IES Rosalía de Castro. De momento xa está confirmada a presenza de 150 persoas nesta conferencia, que leva por nome "A cidade dos nenos e das nenas: unha nova filosofía de goberno da cidade".

Francesco Tonucci
Este pensador e psicopedagogo italiano traballou como mestre e, en 1966, converteuse en investigador no Instituto Psicolóxico do Consello Nacional de Investigación, do que máis tarde presidiu o Departamento de Psicopedagoxía. As súas investigacións céntranse no desenvolvemento cognitivo dos nenos e nenas, do seu pensamento e da relación entre a súa cognición e a metodoloxía educacional.

En 1991 comezou o proxecto Cidade dos nenos, que tiña como obxectivo construír unha cidade cuxo punto de referencia fosen os nenos e as nenas. O proxecto tivo moito éxito e estendeuse a outros puntos do mundo.

Compartir: