CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais logra cubrir todas as prazas ofertadas para o curso de posgrao de especialización orquestral

19/09/2016 O Curso Avanzado de Especialización Orquestral tivo esta fin de semana as súas probas para cubrir cinco prazas (tres de violín e dúas de viola) que quedaran vacantes na convocatoria do mes de xuño. Cubríronse as 18 prazas ofertadas para este curso académico, que permitirán aos admitidos e admitidas realizar prácticas tocando en concertos coa Real Filharmonía de Galicia.

As probas consistiron nunha audición na que as persoas candidatas tiveron que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado. A convocatoria foi un éxito, tanto pola cantidade como pola calidade dos aspirantes, polo que se lograron cubrir todas as prazas ofertadas.

O Curso Avanzado de Especialización Orquestral impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago de Compostela. Diríxese a músicos/as instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

O centro ofrece para este curso académico 2016-2017 un total de 18 prazas. Repártense nas especialidades instrumentais de violín, viola, violoncello, contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os/as mestres/as da Escola son músicos/as da RFG. E cada alumno/a participa nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, teñen a oportunidade de tocaren en concertos públicos dentro da programación A Escola na cidade, onde teñen unha participación destacada como solistas.

Compartir: