ALCALDÍA

O alcalde reivindica o Camiño Primitivo no pregón das festas de Oviedo

17/09/2016 O alcalde de Santiago foi o encargado de pronuncia onte o pregón co que comezaron as festas de San Mateo, en Oviedo. Martiño Noriega fora invitado no pasado mes de xaneiro, durante a visita que realizara a Compostela o concelleiro de Cultura de Oviedo para explorar vías de colaboración para poñer en valor o Camiño Primitivo.

O rexedor compostelán pronunciou un discurso en asturiano e castelán, no que explicou que a súa elección como pregoeiro das festas grandes de Oviedo ten que ver "coa historia e as relacións entre a cidade asturiana e Compostela, porque no século IX un rei chegado da corte ovetense, Alfonso II o Casto, coñecedor do achado do sepulco do Apóstolo, viaxou a Santiago e mandou construir unha igrexa nun lugar ao que no ano 2015 peregrinaron máis de 250.000 persoas". Martiño Noriega reivindicou o Camiño Primitivo "porque tendo un camiño orixinal que une Santiago e Oviedo, para que queremos copias?", e lembrou que as dúas cidades están irmandadas dende 1993.

No seu pregón, Martiño Noriega tamén fixo referencias ao mundo do fútbol, lembrando que foi no Estadio Carlos Tartiere onde a SD Compostela conseguiu o ascenso a Primeira División fronte ao Rayo Vallecano, e mostrou o seu orgullo por estar nunha cidade pola que tamén pasearon Víctor Manuel, Michael Jackson, Woody Allen ou Leonard Cohen.

Compartir: