MOBILIDADE

O "Parking Day" abre as actividades da Semana da Mobilidade en Compostela

16/09/2016 Hoxe comezan as actividades coas que o Concello de Santiago se suma á celebración da Semana Europea da Mobilidade, en colaboración con entidades como Greenpeace, Composcleta ou Cogami.

A programación ábrese co Parking Day, organizado por Greenpeace Santiago. O obxectivo desta actividade é amosar que se o espazo público non fora ocupado polos vehículos, a cidadanía podería gozar moito máis del. Por iso, tres prazas de aparcamento da rúa de Doutor Teixeiro foron ocupadas por Greenpeace para desenvolver actividades para os nenos e nenas, como manualidades, bolos, xadrez ou dominó.

Día da bicicleta
Outra das grandes citas da Semana da Mobilidade é o Día da Bicicleta, que se celebrará o domingo en colaboración con Composcleta. As actividades, baixo o lema "EmBíciate con nós", desenvolveranse na rúa Virxe da Cerca, que será para uso peonil e ciclista dende as dez da mañá ata as tres da tarde. Durante ese tempo haberá xincanas infantís, obradoiros de mecánica de bicicletas e sorteo de agasallos, se ben a actividade principal serán as "Pedaladas por Compostela", dende as 12:30 ata as 13:30 horas. Haberá dúas rutas, unha para os nenos e nenas polo barrio de San Pedro, e outra para os adultos pola contorna da cidade histórica.

Para o desenvolvemento desta xornada será preciso cortar o tráfico entre a rúa das Trompas e a rúa de San Pedro dende as 7:00 ás 10:00 horas, para a instalación das carpas e o equipamento precisos para as actividades. O corte ampliarase ao tramo entre a rúa de Fonte de Santo Antonio e San Pedro dende as 10:00 ata as 15:00 horas.

Xa o martes, celebrarase o Día da Mobilidade Eléctrica, cunha exposición de vehículos eléctricos na praza Roxa. Será en horario de mañá e tarde, de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. As actividades da Semana da Mobilidade continuarán co Día da Accesibilidade, o mércores 21, e co Día Internacional sen Coches, o xoves 22.

Compartir: