PLENO

A Corporación insta ao Estado a implicarse no financiamento do transporte urbano colectivo

15/09/2016 O Pleno da Corporación municipal acordou hoxe instar á Administración central do Estado a ter unha maior implicación no financiamento do transporte urbano colectivo e a tramitar unha Lei de financiamento de transporte público, que inclúa a participación de todos os niveis de goberno, en coherencia coas recomendacións da Unión Europea.

Na proposición, que contou cos votos a favor de Compostela Aberta e do PSdeG-PSOE e a abstención de PP e BNG, lémbrase que España é o único país europeo que non conta cunha Lei estatal de financiamento de transporte público, e nos últimos anos o Estado foi reducindo as súas achegas aos concellos para subvencionar este servizo, o que obriga ás administracións locais a faceren enormes esforzos para manter a súa calidade.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, lembrou que o transporte público "é un garante da equidade social, é máis económico e sostible, e permite ter unha cidade máis limpa e con menos emisións contaminantes". Por iso, apostou por unha maior implicación do Estado no fomento do seu uso, e instou á Administración central a adoptar medidas que permitan reducir o impacto do IVE no servizo.

Pacto estatal pola soberanía alimentaria
A Corporación tamén acordou hoxe que Santiago se sume ao "Pacto estatal pola soberanía alimentaria, a educación ambiental e a sostenibilidade do territorio". Trátase dunha iniciativa impulsada nas I Xornadas Federación Intervegas, celebradas en Granada, que ten como obxectivo a recuperación dos territorios agrarios históricos. Para iso, o pacto estatal inclúe medidas como a dinamización da actividade agraria, o recoñecemento do papel dos agricultores e agricultoras, o financiamento para a recuperación destes territorios, e a posta en marcha de medidas para o seu mantemento e preservación.

O documento ao que agora se suma Santiago tamén prevé o desenvolvemento de programas de educación sobre biodiversidade, produción sostible e conservación medioambiental, e de medidas que permitan que os produtos dos territorios agrarios históricos se introduzan nos circuítos curtos de consumo, distribución e comercialización, especialmente nos comedores escolares, os dos hospitais e os centros asistenciais. O "Pacto estatal pola soberanía alimentaria, a educación ambiental e a sostenibilidade do territorio" contempla, por último, a creación dun Consello Estatal para a rede dos territorios agrarios históricos.

Rede de Cidades da Infancia
Compostela tamén intentará formar parte da Rede Internacional de Cidades da Infancia, despois de que o Pleno da Corporación –cos votos favorables de CA, BNG e PSdeG-PSOE e a abstención do PP- aprobara a moción presentada ao respecto polo concelleiro de Educación, Manuel Dios. O texto recolle o compromiso do Concello de solicitar oficialmente a adhesión a esa rede, impulsada por Francesco Tonucci. O pedagogo italiano é autor do libro A cidade dos nenos, que foi tomado como referencia por pedagogos, arquitectos e xestores públicos á hora de deseñar os tecidos urbanos.

Da Rede Internacional de Cidades da Infancia forman parte urbes de todo o mundo, entre elas 70 localidades españolas, que se comprometen a promover políticas públicas de actuacións nos espazos urbanos nas que as persoas sexan as protagonistas e nas que se limite a presenza do tráfico. A moción aprobada hoxe tamén contempla a creación do Consello Municipal da Infancia, que permitirá que os nenos e nenas teñan voz sobre a cidade que desexan, e o impulso ao proxecto Colecamiños, de Camiños Escolares Seguros.

Outros acordos
Por unanimidade, o Pleno aprobou unha proposta do PP para a recuperación do Centro de Interpretación de Arte Rupestre de Villestro, que se puxera en marcha no pasado mandato en colaboración coa asociación A Rula. A concelleira Marta Lois aproveitou a súa intervención para adiantar que xa están en marcha algunhas medidas relacionadas con ese obxectivo. En agosto realizouse un inventario dos petróglifos existentes en Santiago, de cara á tramitar ante a Xunta a súa inclusión no catálogo de Bens de Interese Cultural.

O Goberno tamén está traballando para realizar un proxecto museístico do centro de Villestro, e estudando a posibilidade de atraer algún programa específico de arqueoloxía para poder dotalo de persoal.

Compartir: