DEPORTE

Compostela acolle a última proba do Campionato de España de Enduro

15/09/2016 A cidade acolle esta fin de semana a última proba do Campionato de España de Enduro, organizada polo club Móvete na Moto en colaboración co Concello. As probas comezarán mañá venres ás 19:00 horas co Super Test no Estadio de San Lázaro e continuarán o sábado e domingo, ás 9:00 horas, coa saída das carreiras.

O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, amosouse "moi satisfeito por acoller por cuarto ano consecutivo a sexta e última proba do Campionato de España de Enduro, que xa pasou por Álava, Almería, Huelva ou Cáceres". Na rolda estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Motociclismo, José Canda; polo presidente da Federación Española, Josep Alonso Delgado; e polo cinco veces campión do mundo Iván Cervantes.

A carreira terá algunhas variacións con respecto ás celebradas os últimos anos. Ademais, nesta ocasión aínda non están decididos, a pesar de ser a última proba, quen serán os campións neste 2016, o que dá maior emoción ás carreiras. O sábado e o domingo, a carreira arrincará ás 9:00 horas e, arredor das 16:00 horas o primeiro día e ás 17:00 horas o segundo, farase a entrega de trofeos.

A maiores, a proba terá tres especiais, a Extrema Estadio de San Lázaro, o Enduro Test e o Cross Test no Polígono da Sionlla, todos bastante próximos entre si para que o público non perda detalle do que son capaces de facer os pilotos desta disciplina. Ademais do cinco veces campión do mundo, na proba tamén participarán dúas das promesas do Enduro, Jaume Beltriu e Josep García. O primeiro está a disputarse o trofeo de campión de Scratch con Oriol Mena e Cristóbal Guerrero, e só hai 12 puntos de distancia entre eles dos 50 que quedan por disputar.

Direccións relacionadas



Compartir: