EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O pedagogo Francesco Tonucci visitará a cidade o próximo 23 de setembro

15/09/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá as actividades que organiza o Departamento de Educación e Cidadanía co gallo da visita do pedagogo italiano Francesco Tonucci. Estivo acompañado de Antón Costa, catedrático da Universidade de Santiago e escritor do limiar do libro de Tonucci A cidade dos nenos.

Manuel Dios recoñeceu que "é unha honra poder contar coa visita de Francesco Tonucci, que será recibido polo alcalde e representantes da Corporación o vindeiro 23 de setembro". Entre os actos previstos para o día 23 destacan o encontro que manterá cos escolares da cidade dentro da convocatoria do Consello Municipal da Infancia ou a conferencia que dará na praza de Praterías ás 19:00 horas e que leva por nome "A cidade dos nenos e das nenas: unha nova filosofía de goberno da cidade".

O concelleiro de Educación lembrou que "o concepto de cidade dos nenos e das nenas é un concepto que abrangue dende a educación ata o urbanismo. Por iso, o 24 de setembro, Tonucci manterá unha xuntanza técnica con membros do Concello.

Consello Municipal da Infancia
Manuel Dios avanzou que para este curso quedará constituído o Consello Municipal da Infancia, formado por 23 nenos e nenas de 5º e 6º de primaria dos centros públicos de Compostela. Os e as integrantes do Consello Municipal elixiranse a sorteo entre aqueles nenos e nenas que queiran formar parte del.

Unha vez que quede constituído elaborarase o regulamento, consensuado cos actores que participen e co resto de grupos políticos. O Consello Municipal da Infancia servirá para que os e as escolares poidan debater sobre os asuntos que sexan do seu interese. Manuel Dios comprometeuse a "tomar nota" e "levar adiante todas aquelas propostas que sexan posibles".

Esta tarde tamén se debaterá no Pleno unha moción pola inclusión de Santiago na Rede Internacional de Cidades da Infancia, á que pertencen 70 concellos do conxunto do Estado.

Compartir: