ESPAZOS CIDADÁNS E ACCIÓN CULTURAL

O Matadoiro Compostela énchese de actividades nos vindeiros días

15/09/2016 O Matadoiro Compostela empeza a consolidarse como espazo para diferentes actividades culturais e artísticas, e a súa axenda para os próximos días está chea de propostas ben dispares. Un espazo fotográfico, a Casa dos Nenos ou unha verbena veciñal configuran a oferta.

Unha das propostas en marcha é o Espazo FotoActivo, que ten como obxectivo achegar a fotografía a todos os públicos e facer do Matadoiro Compostela un punto de encontro entre profesionais e afeccionados á fotografía. Dende onte mesmo e ata o 8 de outubro, ao abeiro deste proxecto, calquera pode participar na iniciativa "Colga a túa foto". Non hai máis que achegar unha fotografía que garde algunha relación coa cidade de Compostela, e que será amosada no lugar habilitado para iso no edificio. Despois, coas fotografías recibidas crearase unha exposición-mosaico colaborativa, que permanecerá no Matadoiro Compostela de xeito indefinido, para darlle un novo aspecto ao edificio.

O Espazo FotoActivo é un dos proxectos "residentes" do Matadoiro Compostela, e está impulsado por Iván Barreiro. Dentro da súa programación figuran visionados e debates sobre documentais, os luns; mesas redondas e charlas sobre fotografía, os martes, e xincanas fotográficas para nenos e nenas, os domingos.

Casa dos Nenos
Mañá comeza do Matadoiro Compostela o proceso de construción da Casa dos Nenos, un proxecto desenvolvido por Diego Vázquez Meizoso e Sara Donoso, que pretende converter o edificio nun lugar de referencia para a rapazada. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 11 anos, que mañá empezarán a coñecer as necesidades do inmoble e a acondicionalo, acompañados polas súas nais e pais e por todas as persoas interesadas. A convocatoria é aberta, e está prevista para as 18:00 horas.

O sábado celebrarase unha asemblea de nais, pais, ANPAS e colectivos interesados no proxecto, e para a seguinte semana comezarán as actividades máis concretas dirixidas aos cativos e cativas.

Angélica Dass, baile, e outras actividades
O próximo sábado, o Matadoiro Compostela recibirá a visita de Angélica Dass, unha fotógrafa brasileira de gran prestixio internacional. A artista obtivo o premio Festival Off de PhotoEspaña en 2013 polo proxecto Humanas, no que compara as distintas tonalidades de peles coas cores de Pantone, nunha activa loita contra o racismo.

Angélica Dass virá a Santiago no marco do Taller de Análise de Obra, TAO #6, unha iniciativa de Offmuseum e 7H Cooperativa Cultural que pretenden converter a antiga Casa da Xuventude nun espazo formativo, con encontros entre artistas e creadores que traballan en Galicia e outros convidados vidos de fóra.

O programa de actividades para os próximos días no Matadoiro Compostela complétase coa exposición 25+1 anos do telescopio espacial Hubble, organizada polo Club de Astronomía Vega e que se pode visitar ata o día 30; e co baile-verbena veciñal que se celebrará o domingo, de cinco da tarde a nove da noite.

Direccións relacionadas



Compartir: