ACCIÓN CULTURAL

Dezasete solistas, cinco concertos e máis sorpresas no VI Festival Peregrinos Musicais

14/09/2016 O Festival Peregrinos Musicais, que se desenvolverá en Santiago de Compostela entre o 19 e o 23 de setembro, une na súa VI edición a solistas noveis de España, Países Baixos, Rusia, Armenia e Estados Unidos. Mozos e mozas de entre 12 e 21 anos que representan o maior nivel de excelencia profesional dentro da música clásica e que foron coidadosamente seleccionados mediante unhas probas nas que se testaron as súas habilidades técnicas e interpretativas. Ademais, o Festival contará coa actuación de músicos de renome internacional.

O Festival conta cun excepcional nivel artístico e desenvólvese nos mellores escenarios de Santiago de Compostela, culminando cun solemne concerto de clausura no Auditorio de Galicia coa Real Filharmonía de Galicia. Este e outros detalles foron ofrecidos nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e a directora artística do Festival, Ilona Timchenko.

Este ano, Peregrinos Musicais segue ampliando o seu territorio de acollida. Ademais de Holanda, que xa se incorporou o ano pasado, este ano chegará un músico procedente de Estados Unidos. O Festival comezou coma un intercambio entre Rusia e España, pero co paso das edicións agora converteuse, definitivamente, nun evento transcontinental. Ata a data, os participantes teñen chegado de países como Alemaña, Armenia, Bielorrusia, España, Estados Unidos, Xeorxia, Holanda e Rusia.

Mestres e laureados
Tras a experiencia na V edición, este ano o Festival continuará coa rúbrica de "Mestres e Laureados". Este concerto terá lugar o 20 de setembro e nesta ocasión contará con artistas de renome como José Luís Estellés (clarinete). Este ofrecerá un programa de música francesa xunto á pianista Ilona Timchenko no Teatro Principal. O concepto de "Rúbrica" baséase en convidar ao escenario a un dos novos e novas artistas, ex participante do festival Peregrinos Musicais, que revalidou o seu progreso na súa carreira musical noutros eventos de alcance internacional. Este ano preséntase como laureada a nova e fantástica frautista Iria Castro Real, de Santiago de Compostela.

Entre as novidades destacadas da presente edición, Peregrinos Musicais terá a sorte de contar con varios pianistas que representan escolas moi diferentes (Rusia, Holanda, España e Estados Unidos). Precisamente, por darse esta casualidade, a organización decidiu dedicar un día da axenda da súa programación de concertos a este instrumento, incluíndo un concerto bautizado co nome de "Pianismo, pianismo", que abarcará diferentes estilos e obras mestras para piano. Este concerto terá lugar en Santiago o 21 de setembro.

Como é habitual todos os anos, o VI Festival contará no seu programa de actividades cun concerto de música clásica na Catedral de Santiago, con entrada libre para todos os asistentes, onde os protagonistas serán os mozos e mozas peregrinos/as desta edición. Todos os concertos, excepto o de inauguración e o de clausura, teñen unha duración dunha hora, sen descanso. Así, o Festival pretende facilitar a posibilidade aos mozos/as oíntes a que acudan aos eventos organizados. As persoas menores de 18 anos non terán que pagar entrada en ningún dos concertos programados.

Este ano, ao final dos concertos o público deberá esperar a que xurda algunha sorpresa. Os participantes interpretarán algunhas pezas compostas polo mozo Eliot Xaquín Deus, de 18 anos.

Peregrinos Musicais
A Asociación Peregrinos Musicais xurdiu no ano 2011 en Santiago de Compostela da man da pianista rusa afincada na capital de Galicia Ilona Timchenko. A Asociación ten como obxectivo a promoción dos novos/as artistas galegos/as. O fin de Peregrinos Musicais é realizar actividades conxuntas e de intercambio con outros importantes músicos e músicas noveis de prestixio internacional. Ademais, realiza actividades de promoción de intérpretes galegos e outros músicos/as afincados/as en Galicia.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: