DEPORTE

Este venres remata o prazo para anotarse na CorreSan Monte do Pedroso, que conta xa con case 600 persoas inscritas

14/09/2016 O V Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan continúa esta fin de semana coa celebración da carreira polo Monte Pedroso o domingo 18 de setembro. O concelleiro de Deporte, Rafael Peña, presentou a proba en rolda de prensa, acompañado do delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.

Rafael Peña destacou que "este circuíto entra dentro do labor de concienciación sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza. O circuíto CorreSan representa unha iniciativa para Compostela que traslada o deporte ata os barrios onde normalmente xa se practican diferentes deportes, en especial o atletismo".

A carreira polo Monte Pedroso é a terceira das incluídas no V Circuíto de Carreiras Saudables. Trátase da proba de maior esixencia, "cun perfil máis duro", segundo apuntou Iván Sanmartín. As persoas adultas sairán ás 10 da mañá dende o Monte Pío e percorrerán un total de catro quilómetros en dirección á Granxa do Xesto. A principal novidade deste ano está na propia saída, que en vez de ser individual formato cronoescalada, darase de forma conxunta por todos os corredores. Ás 11:30 horas é a quenda de benxamíns e alevíns e, ás 11:45 horas, dos infantís e cadetes.

O concelleiro e o delegado da Federación de Atletismo coincidiron na súa valoración sobre o Circuíto, que está a bater récords de participación en todas as probas. De feito, na carreira deste domingo xa son case 600 as persoas inscritas, unha cifra que pode aumentar de aquí ao venres, cando se pechará o prazo de inscrición. "Estanse a rexistrar máis persoas que nas edicións pasadas", asegurou Peña, "precisamente porque poñemos en valor zonas de práctica habitual do atletismo dándolle outro atractivo".

Direccións relacionadas



Compartir: