FACENDA

Remata o prazo de presentación de propostas de investimentos para os Orzamentos Participativos de Santiago de Compostela

13/09/2016 A un día do remate do prazo para presentar propostas (mañá mércores á medianoite), son xa 122 as ideas rexistradas na web dos Orzamentos Participativos de Santiago de Compostela: decide.santiagodecompostela.gal. Este venres 15, persoal técnico do Concello manterá o terceiro encontro co equipo dos OP para continuar avaliando se son propostas de investimentos de competencia municipal viables técnica e economicamente, non contraveñen ningunha lei e non superan por si soas o orzamento dispoñible para cada área.

Esta fase de análise será supervisada pola Mesa de propostas e esténdese ata o 23 de setembro. E xa na primeira quincena de outubro abrirase o prazo para que as persoas que queiran participar prioricen as ideas que lles parezan máis acaídas e necesarias, sempre que finalmente superasen o filtro técnico.

Para poder votar será preciso estar empadroado/a en Santiago e, ao igual que na fase propositiva, poderá facerse vía telemática na web de Compostela Decide, unha vez feito o rexistro en liña, ou nas asembleas presenciais que se celebrarán entre o 4 e o 7 de outubro (as datas e lugares anunciaranse previamente nos medios de comunicación e na propia web dos OP).

Son, a día de hoxe, as propostas para a área rural as máis numerosas nesta experiencia pioneira de orzamentos participativos do Goberno local na capital galega. Suman máis de medio cento de suxestións relativas á dotación de beirarrúas e sinaléctica, rehabilitación, acondicionamento e creación de diversos espazos e infraestruturas ou á adquisición de material e elementos de transporte, entre outras.

Entre a área nordeste e a sueste cóntanse arredor de corenta propostas específicas para os barrios que entran este ano no proceso, mentres que a área de Mocidade recolle sete suxestións de actividades para programar dende o Concello. Precisamente por ser esta área a que rexistrou menos iniciativas o Concello decidiu adiar o remate da súa fase propositiva ata o 6 de outubro, a fin de que as persoas estudantes que aínda están a matricularse durante este mes poidan formar participar no proceso. Ademais, celebrarase unha asemblea de diagnose da mocidade o 28 de setembro.

O compromiso do Goberno é que todas as propostas escollidas na fase final se integren no Orzamento Municipal de 2017, que deberá aprobar o Pleno, como en cada exercicio. A reserva para este ano é de 1.100.000 euros, que se reparten entre o conxunto da cidade, tres áreas (nordeste, sueste e rural) e actividades para a mocidade.

No apartado Saber máis da web decide.santiagodecompostela.gal están dispoñibles os documentos de diagnose resultado das asembleas que se celebraron durante estes meses en cada área, nas cales as persoas participantes fixeron unha posta en común das problemáticas e necesidades dos seus barrios. Libremente ou partindo destas achegas pódense concretar propostas para os OP. O prazo remata ás doce da noite de mañá mércores, 14 de setembro.

Compartir: