DEREITO Á VIVENDA

O Concello detecta a existencia de 2.800 vivendas susceptibles de participar no Plan de Mobilización de Vivenda Baleira

08/09/2016 En Compostela existen 2.800 vivendas susceptibles de formar parte do Plan de Mobilización de Vivenda Baleira no que está traballando a Concellaría de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, co obxectivo de fomentar o alugueiro a prezos accesibles. O edil Jorge Duarte deu conta hoxe dos resultados da primeira fase deste programa, acompañado por Iker San Román, director da Área de Vivenda e Intervención Urbana de SUMAE, e ex director xeral do Servizo Vasco de Vivenda (Etxebide).

Iker San Román explicou que os datos do Instituto Nacional de Estatística falaban da existencia de 9.000 vivendas baleiras en Compostela, "pero en todas as cidades hai grandes desviacións entre o que di o INE e a realidade". Para realizar o filtrado das vivendas susceptibles de participar no Plan de Mobilización, a cooperativa SUMAE tivo en conta os datos de consumo de auga, que por debaixo dos 5 metros cúbicos anuais se considera anormalmente baixo. En Santiago hai un total de 3.582 vivendas que non superan o consumo de 3 metros cúbicos anuais de auga, e delas en 2.030 non se rexistrou consumo de auga en todo o ano.

A partir deste censo, desbotáronse as vivendas difíciles de xestionar no marco do Plan de Mobilización de Vivenda Baleira, por corresponder previsiblemente a locais de negocio ou seren vivendas titularidade de persoas xurídicas como colexios profesionais, inmobiliarias, construtoras ou entidades sen ánimo de lucro. Feitos os filtrados, enténdese que hai un total de 2.800 vivendas susceptibles de participar no Plan de Mobilización de Vivenda Baleira, o 6% do total de vivendas do ámbito urbano. Unha vez localizados, empezarán os contactos cos propietarios para coñecer cales son os motivos polos que non se animan a poñer os seus pisos no mercado do alugueiro.

Medidas do Plan
Habitualmente, os propietarios que rexeitan entrar no mercado do alugueiro fano por medo a que as súas vivendas sufran danos ou que os arrendatarios non lles paguen as mensualidades. Por iso, as medias contempladas no Plan de Mobilización de Vivenda Baleira pasan porque o Concello sufrague seguros multirrisco para os propietarios e seguros de caución por se o inquilino non paga a renda. Tamén se contemplan medidas fiscais que poidan servir para concienciar das vantaxes de mobilizar as vivendas baleiras cara un alugueiro accesible, que poderían pasar por bonificacións no IBI ou no ICIO no caso de que as vivendas precisen ser sometidas a algunha obra. Nese sentido, tamén se buscarán axudas para a rehabilitación, e poderíanse condicionar este tipo de subvencións á cesión das vivendas para o seu alugueiro. Por último, reforzarase a Oficina Municipal de Vivenda, que sería o lugar no que inquilinos e arrendatarios atoparían toda a información e asesoramento con respecto ao programa municipal, e tamén ao autonómico.

Un paso máis alá do programa de vivenda da Xunta
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade insistiu en que o Plan Municipal de Mobilización de Vivenda Baleira vai un paso máis alá do programa autonómico ao que o Concello se sumou esta mesma semana "e que está pensado unicamente para as persoas en risco de exclusión social". O plan que o Concello de Santiago quere implantar a partir de 2017 estará dirixido a todas as persoas que non superen 3,5 veces o salario mínimo interprofesional, "porque defendemos que o dereito a acceder a unha vivenda digna é un dos dereitos fundamentais recollido na Constitución e que hai que garantir".

Jorge Duarte sinalou que o obxectivo é que os propietarios das vivendas susceptibles de participar no programa "manteñan prezos do alugueiro que estean un 20% por debaixo dos prezos de mercado, a cambio das bonificacións fiscais, e de axudas directas para a rehabilitación que poderían ser duns 1.200 euros por vivenda". O edil lembrou que para poñer en marcha o Plan de xeito efectivo será preciso modificar as ordenanzas fiscais, e incluír as demais medidas nos próximos orzamentos municipais.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade aproveitou para instar á Xunta a traballar nunha Lei de Vivenda Baleira, que permita gravar o IBI das vivendas desocupadas nun 100%, como era a intención do Goberno local. Estes ingresos permitirían establecer bonificacións do 50% para os propietarios que decidan participar no Plan de Mobilización.

Compartir: