EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Ábrese o prazo de solicitude para os obradoiros das escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños

06/09/2016 Este mércores, 7 de setembro, ábrese o prazo para solicitar a participación nos obradoiros para o curso 2016-2017 nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. Ofértanse 45 prazas -15 por cada un dos centros- para uns talleres que se desenvolverán pola tarde durante o período lectivo e pola mañá en datas de vacacións. A admisión será por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal ata esgotar as prazas.

Estes obradoiros están destinados a nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela que cursen os seus estudos en centros de educación infantil e primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos (2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º curso de educación primaria). Os obradoiros desenvolveranse durante o curso escolar 2016-2017 de acordo co calendario das tres escolas infantís municipais.

Haberá dúas modalidades de obradoiros: durante o curso escolar, cun horario de 16:00 a 20:00 horas, e en vacacións escolares (Nadal, Entroido e Semana Santa), cun horario de 10:00 a 14:00 horas. Neste último caso, as familias poderán ampliar o servizo co horario de almorzo (de 7:30 a 10:00 h, comedor (de 14:00 ás 15:00 h) e con horas a maiores

Os obradoiros desenvolveranse nas propias escolas de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, e ofértase un total de 45 prazas, 15 por cada unha das tres escolas.

Prezos e impreso de solicitude
O prezo da matrícula anual vai dende os 55 euros/mes no caso de elixir dúas tardes ata os 125 euros/mes das cinco tardes. Os días soltos terán un custo de 12 euros. O prezo incrementaras ecos servizos complementarios indicados.

As admisións realizaranse por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal ata cubrir as prazas dispoñibles en cada escola. O prazo de solicitude ábrese este mércores, 7 de setembro. Os solicitantes terán que cubrir a solicitude e entregala no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16).

O impreso de solicitude (documento adxunto) estará dispoñible, xunto coa información complementaria, nas escolas infantís, no Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago e nesta web municipal.

Documentos relacionados



Compartir: