MOBILIDADE

Máis frecuencias e mellor cobertura xeográfica na reordenación das liñas do transporte público de Compostela

02/09/2016 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe da proposta para a reorganización das liñas de autobús, que onte foi presentada no Consello de Administración de Tussa. Jorge Duarte explicou que o obxectivo da reorganización é conseguir "un transporte público máis eficiente, que nos axude a reducir a presenza de vehículos privados e, polo tanto, unha cidade máis habitable".

O edil apuntou que as premisas para levar a cabo o novo deseño foron "mellorar as condicións das liñas que suman a maioría dos usuarios, atender ás demandas históricas da veciñanza do rural que ten un servizo moi deficitario, e facilitar a mobilidade das persoas maiores, que residen fundamentalmente no contorno da cidade histórica".

Duarte explicou que a proposta para reordenar as liñas de transporte urbano "nace da constatación de que as 22 liñas existentes a día de hoxe teñen uns intervalos inadecuados". Por iso, redúcense a 12, "suprimindo solapes que se veñen dando na actualidade, con puntos da cidade nos que pasan dúas liñas distintas, practicamente nos mesmos tempos".

Clasificación das liñas por frecuencias de paso
A proposta presentada por Jorge Duarte ante o Consello de Administración de Tussa contempla tres liñas radiais, que son aquelas que sumarían case o 70% dos usuarios e que terían unha frecuencia de paso de dez minutos. Trátase, en concreto, das liñas Polígono do Tambre-Hospital Clínico; Romaño-A Rocha, e Fontiñas-Os Tilos.

A partir das radiais, deséñanse outras liñas que terían frecuencias de paso de 20 ou 30 minutos, e que permitirán que "todos os veciños e veciñas teñan unha liña de bus a un máximo de 350 metros".

Prolongacións á zona rural
O concelleiro apuntou que a reorganización das liñas "préstalle unha especial atención á zona rural, porque hai moitas parroquias, fundamentalmente do norte, que non teñen transporte público". Co novo modelo perséguese "que en toda a zona rural haxa un mínimo de tres ou catro frecuencias ao día, grazas ás prolongacións das liñas radiais nalgunha das súas frecuencias". Deste xeito, o autobús poderá chegar a zonas que non están cubertas na actualidade, como Son, Barciela, ou Nemenzo.

Mobilidade das persoas maiores
Ao igual que nesas parroquias do rural, hai puntos próximos á cidade histórica aos que nunca chegou o autobús, como A Almáciga, a rúa Betanzos ou Entrerríos. Jorge Duarte explicou que iso cambiará coa reorganización das liñas, "botando man de autobuses máis pequenos, posiblemente híbridos, que cubrirán a chamada Circular 0".

Esta liña chegará a zonas como San Pedro, Belvís, a rúa de Entrerríos (onde se sitúa o centro de saúde de Galeras) ou mesmo a Praza de Abastos. Para o concelleiro, esta circular "será de especial utilidade para as persoas maiores que viven no contorno da cidade histórica e que teñen máis problemas de mobilidade".

Presentación á veciñanza
O novo deseño das liñas de autobús seralle presentado á veciñanza nunha reunión aberta que se vai celebrar o martes 6, a partir das 20:15 horas, no Auditorio de Galicia. Jorge Duarte explicou que, a partir dese encontro, calquera veciño ou asociación poderá presentar as súas suxestións, "que serán atendidas sempre que poidan ser viables dende o punto de vista técnico e económico".

O obxectivo é que o novo modelo de transporte urbano empece a funcionar en 2017, despois de rematada a actual concesión do servizo.

Compartir: