IGUALDADE

Os nenos e nenas participantes no Verán CampUSC 2016 visitan o Pazo de Raxoi

02/09/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, recibiu esta mañá no salón nobre do Concello os participantes do Verán CampUSC 2016, un programa organizado pola Universidade compostelá no que colabora por primeira vez o Concello de Santiago a través do Departamento de Igualdade.

O responsable da Fundación CampUSC destacou que este ano foi o de maior número de inscricións e amosouse satisfeito de ter colaborado co Concello para a celebración destas actividades. Na súa visita polo Concello fixeron un percorrido polos diferentes salóns da man da concelleira de Igualdade e de representantes dos grupos municipais popular e socialista.

En total participaron máis de 200 nenos e nenas en diversas quendas, que finalizarán ao próximo día 9 de setembro. Os rapaces e rapazas realizaron diversas actividades deportivas como fútbol gaélico, atletismo, duatlón, sendeirismo, deportes de raqueta, etc. Ademais, fixeron varias rotas no tren turístico, nas que aprenderon sobre o patrimonio da súa cidade.

Pola igualdade
O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Igualdade, colabora por primeira vez coa Fundación USC Deportiva e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC neste programa, concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer, desenvolvida no período de verán, que permite a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar neste período, así como aquelas persoas que aínda non tendo vinculación coa comunidade universitaria precisen desta actividade de conciliación.

Amósaselle ás nenas e nenos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes, atendendo as súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. A práctica de actividades físico-deportivas non é boa só a nivel de saúde, senón tamén para inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que sen dúbida resultarán de utilidade para a vida cotiá. O programa está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos.

A colaboración do Concello neste programa ten o obxectivo de promover a igualdade de xénero en Compostela. Para iso hai tres eixos fundamentais, como son a conciliación da vida laboral e familiar a través dunha achega económica para a realización dun campamento de verán que dende hai anos vén organizando a USC; en segundo lugar, visibilizar as mulleres na ciencia combatendo os estereotipos de xénero e a segregación horizontal e, por último, o apoio dos estudos universitarios en materia de igualdade de xénero.

Compartir: