XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda sancionar á empresa responsable da fase II de Vista Alegre pola demora nas obras

02/09/2016 A Xunta de Goberno acordou hoxe impoñer á empresa Petrolam A Veiga S.L a sanción de 52.470,98 euros polo retraso nas obras de Vista Alegre, en concreto da Fase II.

Tal como explicou o alcalde, Martiño Noriega, resólvese así o expediente que lle fora aberto á empresa pola demora de 122 días naturais na execución do contrato, por causas imputables a Petrolam. Nesa liña, a Xunta de Goberno desestimou as alegacións presentadas pola empresa ao expediente.

Parcela en Brandía
Tamén a proposta do concelleiro de Espazos Cidadáns, a Xunta de Goberno abordou hoxe a execución da sentenza xudicial que anulaba o convenio urbanístico asinado polo Concello e a empresa Lorygar no ano 2008, en relación ao complexo de Brandía. O acordo supuxo a cesión dunha parcela municipal para a construción dunha parte do complexo hoteleiro A Quinta da Auga, a cambio doutra parcela, no SUNP-29.

A xustiza anulou ese convenio, e agora os informes municipais sinalan que non procede a reversión da finca ao Concello. No canto desta medida, a Xunta de Goberno autorizou a "restitutio in pecuniam" do valor urbanístico da parcela, de xeito que Lorygar terá que pagarlle ao Concello 116.596.16 euros, como forma de execución da sentenza. En calquera caso –indicou o alcalde- será o xuíz o que deba ratificar a pertinencia desta valoración que fai o Concello.

Martiño Noriega lembrou que en torno a este complexo hoteleiro hai outro proceso xudicial aberto en paralelo, relativo á propia concesión da licenza.

Subvención de Educación
A Xunta de Goberno tamén deu conta hoxe da solicitude dunha subvención á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento das escolas infantís de Conxo e Fontiñas. A axuda que se pide é de 35.004,54 euros, dos que 14.993,70 euros irían destinados á adquisición e mellora do equipamento das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo. Os 20.010,84 euros restantes serían para obras de mellora no patio exterior da escola infantil das Fontiñas.

Asesoría xurídica
Finalmente, a Xunta de Goberno acordou a prórroga do servizo de asistencia xurídica do 5 de setembro ao 31 de decembro. Esta é unha medida transitoria, xa que, tal como recordou o alcalde, o Goberno local está traballando para crear un servizo xurídico propio dentro do Concello, "de xeito que calquera asunto xudicial se avaliará dende o propio Concello e só se externalizará para cuestións moi puntuais".

Documentos relacionados



Compartir: