TURISMO

O festival WOS celebra a súa terceira edición con medio cento de actividades nunha ducia de espazos de Santiago de Compostela

01/09/2016 O festival WOS, que se celebrará en Compostela do 7 ao 11 de setembro, xa ten pechada a súa programación. Presentouna hoxe o director do evento, Iván Arias, nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.

O WOS Festival é un evento de carácter anual, baseado na cultura alternativa e de vangarda. Aínda que a música é o seu motor principal, inclúe outras propostas relacionadas coas artes escénicas, o cine ou a gastronomía, así como conferencias e mesas redondas.

O director do evento salientou que a programación músical se caracteriza polo "eclecticismo, non se centra en ningún estilo, nin vai dirixida a ningún target de público definido". Iván Arias indicou que "todas as propostas incluídas no programa son arriscadas, con artistas que nunca estiveron en Galicia". Entre eles, o responsable do WOS destacou ao pianista alemán Martin Kohstedt, ou a Simeon Coxe, de Silver Apples, que ademais de elixir Compostela para presentar en Europa o seu novo traballo, manterá un encontro aberto co público na Cidade da Cultura.

No campo das artes escénicas, o WOS tamén deixará unha programación de calidade e baseada nas estreas. Por Santiago pasarán a compañía de danza vasca Ziomara Hormaetxe para presentar a súa útima peza, Symbiosis; ou El Caballo del Sueño, a proposta que une á artista visual Marta Verde e ao músico experimental José Venditti, NegroNegro.

A programación do WOS complétase con propostas relacionadas coa gastronomía na Praza de Abastos e con encontros e mesas redondas sobre cuestións como a xestión cultural ou o uso das tecnoloxías no eido cultural. En total serán cinco días de festival, dous máis que na pasada edición, con medio cento de actividades diferentes. Tamén se amplían os espazos do evento, que este ano se desenvolverá en once puntos de Compostela: Igrexa da Universidade, Teatro Principal, CGAC, Fundación Granell, Sala Capitol, Cidade da Cultura, Sala Malatesta, Sala Riquela, Praza de Abastos, Numax e SGAE.

Un festival que atrae a miles de persoas
A concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo mostrou a satisfacción do Concello por colaborar con este festival "que reivindica once das localizacións turísticas e culturais máis importantes da nosa cidade, e polo tanto serve para promocionar Compostela". Marta Lois lembrou os datos do ano pasado, con máis de 3.000 asistentes ao WOS, o 75% deles de fóra de Santiago. Tamén recordou que Turismo de Santiago colabora coa organización do WOS para conseguir que Renfe e Iberia oferten prezos vantaxosos ás persoas que viaxen a Compostela para asistir ao festival, un desconto do 10% no caso de Iberia e do 30% en Renfe.

Pola súa parte, o director de AGADIC mostrou o seu convencemento de que o WOS é "unha iniciativa con moito futuro, por ser o primeiro festival urbano tan deslocalizado e por apostar pola cultura alternativa en todos os eidos, máis alá do musical".

Direccións relacionadas



Compartir: