ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

Música, teatro, cine e monicreques no número de setembro de "Compostelánea"

01/09/2016 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou no Pazo de Raxoi o número de setembro de Compostelánea, a nova publicación municipal que informa da ampla oferta cultural e de ocio da cidade. A revista naceu o pasado mes de xullo co obxectivo de que a veciñanza de Santiago e as persoas que visitan a cidade poidan coñecer toda a actividade que se desenvolve en Compostela durante cada mes.

Compostelánea dedica a súa reportaxe principal á terceira edición do Wos Festival, que se celebrará na cidade entre o 7 e o 11 de setembro. O evento terá lugar en once das localizacións turísticas e culturais máis importantes de Santiago, onde se ofertarán 50 propostas musicais, escénicas e cinematográficas.

A revista tamén destina unha páxina a dous programas xa clásicos na oferta cultural de Santiago: o XVII Ciclo de Lied, organizado polo Concello de Santiago e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, que nesta edición terá catro concertos no mes setembro, e o XXI Festival Internacional de Monicreques Galicreques 2016, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, que se celebrará do 24 de setembro ao 2 de outubro e contará con titiriterios de diferentes países.

Compostelánea tamén destaca a obra de teatro Reina Juana, na que Concha Velasco se lanza ao inmenso reto que supón dar vida á Reina Juana nun intenso monólogo, dirixido por Gerardo Vera e escrito por Ernesto Caballero, que pon o acento nunha muller que viviu á sombra de todos os homes da súa vida: o seu pai, Fernando o Católico; o seu home, Felipe o Fermoso; o seu fillo, Carlos V, e o seu neto, Felipe II. A obra representarase o 18 de setembro no Auditorio de Galicia.

A axenda de ocio, cultura e turismo de Santiago tamén lembra ás persoas abonadas aos concertos da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio que no mes de setembro poderán renovar os seus abonos. Estas renovacións poderán facerse os días 5, 6, 7, 8 e 9 de setembro no teléfono 981 571 026, de 11:00 a 14:00 horas. Pola súa banda, os novos abonos poderán adquirirse no despacho de billetes do Auditorio de Galicia de 11:00 a 14:00 horas os días 15, 16, 19, 20, 21, 22 e 23 de setembro.

Neste número de Compostelánea tamén se inclúe unha entrevista a Pedro Costa, cineasta portugués que o sábado 24 impartirá a Aula Os ollos verdes, unha iniciativa didáctica de Numax apoiada pola Concellaría de Acción Cultural. Tamén se dedica un artigo de Mery Pais, gañadora do IX Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas 2015. A mostra de 40 obras deste certame pode visitarse no Auditorio, de forma gratuíta, ata o 25 de setembro.

Direccións relacionadas



Compartir: